“O DEPARTAMENTO MÁIS DISCUTIDO DA HISTORIA”

O PSdeG esixe a dimisión do conselleiro de Sanidade

O PSdeG esixe a dimisión do conselleiro de Sanidade
O deputado do PSdeG Julio Torrado. Foto: PSdeG.
O deputado do PSdeG Julio Torrado. Foto: PSdeG.  

O PSdeG tamén esixe responsabilidades ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, porque “non ten capacidade xa de liderar o que precisa a sanidade galega”. O último dos episodios que levaron aos socialistas a esta posición, a morte dun paciente sen recibir atención médica no PAC da Estrada.
 


“Almuíña ten o dubidoso récord de ser o responsábel da consellaría máis discutida da historia de Galiza”, afirmou esta segunda feira o deputado Julio Torrado, que se referiu ao titular de Sanidade como “conselleiro asediado”.

O deputado do PSdeG lembrou a morte no PAC da Estrada e a “deficiente xestión” dos puntos de atención continuada (PAC), que viven protestas recorrentes de traballadores e pacientes pola escaseza de persoal e o risco que iso leva canda si no que respecta á saúde pública. As reformas das áreas sanitarias, a falta de persoal en atención primaria ou o que cualificou de “opacidade” nas contas do Sergas -un problema sinalado polo Consello de Contas- son outros elementos da xestión de Almuíña criticados por Torrado.

“Vázquez Almuíña debe reflexionar, porque a sanidade galega precisa outro devir, e este conselleiro non está en condicións de achegar nada”, concluíu o parlamentario socialista.