ACORDOS NOS CONCELLOS

PSdeG e Marea Atlántica acadan un acordo de programa e deixan as portas abertas a un posíbel cogoberno

PSdeG e Marea Atlántica acadan un acordo de programa e deixan as portas abertas a un posíbel cogoberno
María García e Inés Rey na sinatura do acordo [Imaxe: Marea Atlántica]
María García e Inés Rey na sinatura do acordo [Imaxe: Marea Atlántica]  

A alcaldesa da Coruña Inés Rey asinou un acordo programático coa Marea Atlántica, aínda que esta non entrará no goberno municipal, ao igual que aconteceu nas pasadas semanas co BNG. Tanto o PSdeG como a Marea deixaron as portas abertas a que durante os catro anos de mandato a situación poida mudar.


Desde que o 26 de maio as urnas deron a Inés Rey o segundo posto na carreira electoral, ficando moi poucos votos por detrás da popular Beatriz Mato, o PSdeG puxo as conversas en marcha para garantir o seu retorno á alcaldía. O pasado 16 de xuño asinábase un acordo de programa co BNG polo que o PSdeG comprometíase a levar a cabo medidas de carácter social e nacional que Francisco Jorquera apresentou como portavoz municipal do Bloque. Desta volta foi a Marea Atlántica quen chegou a un acordo de programa para o goberno da Coruña co PSdeG, e que se complementa na acción de goberno co asinado tamén co BNG.

Ambos os acordos baséanse na concreción de políticas municipais mais non na formación de goberno de coalición, polo que o PSdeG gobernará en solitario.

Con todo, a alcaldesa Inés Rey asegurou esta sexta feira 5 de xullo durante a sinatura do acordo coa Marea que "de aquí á metade do mandato as circunstancias poden variar", e insistiu en que por parte das filas do PSdeG "non pechan a porta a ningunha posibilidade que se poida dar ao longo destes catro anos", e engadiu que "a propia organización municipal non é unha organización estática, senón dinámica".

E precisamente nesa mesma liña pronunciouse María García, a portavoz da Marea Atlántica após a demisión do ex alcalde Xulio Ferreiro. “Non hai ningunha porta pechada", mais insistiu en que o importante é "acadar acordos de política". García confía en que o acordo selado esta sexta co PSdeG signifique un avance para o concello e funcione "todo o ben" necesario para así poder "estabelecer novos retos" no futuro.

“Sentamos as bases para unha relación de colaboración e entendemento, un primeiro paso para que o concello da Coruña se manteña na senda das políticas de progreso", sinalou García

“Con este paso, sentamos as bases para unha relación de colaboración e entendemento, un primeiro paso para que o concello da Coruña se manteña na senda das políticas de progreso, con medidas concretas de execución inmediata, que poden poñerse en marcha nos vindeiros meses, todas en beneficio das maiorías sociais”, sinalou García. E engadiu que se abre "un tempo novo, de necesario diálogo, no que a Marea Atlántica vai ter un papel fundamental”.

O acordo programático baséase no desenvolvemento dunha “axenda social transformadora" desde a acción do goberno municipal. Os puntos principais nos que se asenta son o compromiso en impulsar a área metropolitana da Coruña, a gratuidade do ensino para as crianzas de 0 a 3 anos, as bonificacións para determinados colectivos sociais no transporte público ou a "recuperación" do bordo litoral.

SdeG e Marea pactan sacar adiante de maneira definitiva a ordenanza de igualdade antes de que finalice o ano

A sinatura do acordo tamén compromete a alcaldesa a continuar as actuacións en infraestruturas da cidade, como a demolición do viaduto da Ronda de Nelle, o proxecto do centro deportivo de Castrillón ou a reforma dos mercados de Durmideiras, Santa Lucía e Monte Alto.

Así mesmo, PSdeG e Marea pactan sacar adiante de maneira definitiva a ordenanza de igualdade antes de que finalice o ano e poñer en marcha un programa de vivenda de alugueiro co horizonte de que entre en funcionamento durante o vindeiro ano.