O PSdeG pide a transferencia de tráfico e que a policía galega se ocupe das vías inter-urbanas

O PSdeG pide a transferencia de tráfico e que a policía galega se ocupe das vías inter-urbanas
Leiceaga
Leiceaga  @par_gal

Após o acordo de todo o arco parlamentar para Galiza igualar o seu teito competencial ao de Euskadi e Catalunya —como orixe, unha iniciativa do BNG— o PSdeG-PSOE dá un paso adiante e rexistra no Pazo do Hórreo unha proposición de lei para o estado transferir á Xunta as competencias en materia de tráfico. Sería a Policía galega a que se tería de ocupar da vixilancia nas vías inter-urbanas do país: 


O PSdeG impulsa esta iniciativa após constatar a mudanza na posición dun Feixoo que "pasou de ser pasivo" [cero transferencias até agora na súa década de goberno] durante os últimos gobernos centrais do PP a ser "reivindicativo" coa chegada de Pedro Sánchez á Moncloa, avalia o grupo parlamentar liderado por Xoaquín Fernández Leiceaga.

Leiceaga pensa que agora é o momento de formular demandas como a transferencia das competencias en materia de tráfico, sendo que en Madrid xa hai un goberno receptivo, "como ten demostrado ao desbloquear o debate sobre a transferencia da AP-9", afirma o PSdeG en nota de imprensa.

Para o portavoz socialista, Galiza arrastra "un déficit de competencias", froito da escasa vocación autonomista de Feixoo, e para superalo propón resgatar a "folla de rota" do bipartito, goberno de coalición formado por PSdeG e BNG que chegou a pactar coa daquela oposición do PP a demanda a Madrid dun paquete de até 70 transferencias.

Despregamento da Policía galega

A materialización desta iniciativa do PSdeG pasa necesariamente pola efectiva aplicación das disposicións previstas na lei da Policía galega de 2007, cuxo cumprimento ten sido bloqueado polo PP desde a chegada ao poder de Feixoo.

Tería de ser a Policía de Galicia (así denominada na iniciativa do PSdeG) a que se ocupase da vixilancia do tráfico nas vías inter-urbanas. Transitoriamente, e mentres non completar o seu despregamento en todo o territorio, a Garda Civil continuaría a operar nas estradas e auto-estradas do país.



x