O PSdeG únese ao PP para vetar a proposta do BNG dun novo status político para Galiza

O PSdeG únese ao PP para vetar a proposta do BNG dun novo status político para Galiza
Ana Pontón
Ana Pontón  

O agora decadente bipartidismo estatal actuou ao unísono nun debate de profundo calado político, o vivido esta terza feira no Parlamento galego. PP e PSdeG votaron contra unha iniciativa a meio da cal o BNG demandaba a abertura dunha ponencia no Pazo do Horreo con vistas a dotar o país dun "novo modelo político e institucional". Un marco soberano para Galiza. A proposición non de lei tivo o apoio de En Marea.


O debate da PNL do BNG tivo a virtualidade de que todas as forzas políticas con presenza no Pazo do Hórreo acabaron por se retratar en relación a un asunto fulcral, o de que poder político debe ter Galiza nun contexto, o estatal, en que -en palabras de Ana Pontón- "todo o mundo está a dar pasos".

E o retrato debuxou unha alianza clarísima, a do PSdeG co PP na defensa do statu quo actual.

"Oferecemos un grande acordo de país", avanzou Ana Pontón no pórtico da súa intervención. A do BNG, enfatizou, é unha proposta para ir a un "novo marco político institucional que recoñeza a soberanía de Galiza e que nos dote de máis ferramentas para mellorar a vida das persoas do noso país". A líder nacionalista pediu o apoio da cámara para "abrir un debate" e para facelo desde a "calma" e a "serenidade".

Pontón afirmou que a intención do BNG non era a de "reducir o debate" a un confronto ideolóxico puro e duro, senón abrir a billa para "unha reflexión conxunta que nengún grupo ten direito a lle furtar a esta cámara".

Os seus apelos ao diálogo non deron no albo. Bateron contra o muro, previsíbel, do PP, mais tamén do PSdeG.

leiceaga parlamento PSdeGFernández Leiceaga, o portavoz socialista, alegou razóns de forma e de fondo para se opor á iniciativa do Bloque. As de forma teñen a ver con que a ponencia proposta por Pontón é un mecanismo non previsto no actual Estatuto de Autonomía (1981) para a súa reforma. "Deben existir consensos previos, entre os grupos da oposición, para logo os conseguir co grupo maioritario", dixo. As razóns de fondo remiten para a presunción de que a iniciativa do BNG enmascara unha aspiración independentista. "A proposta de Novo Marco Político é indeterminada, mais en todo caso é rupturista", describiu.

O portavoz do PSdeG remarcou que o seu grupo está a prol da reforma do Estatuto -"como estivemos en 2006 e 2007", dixo en alusión á iniciativa do bipartito tombada naquela altura polo PP desde a oposición-  mais sempre desde o respeito ao actual marco constitucional, que deposita toda a soberanía nun único suxeito, o pobo español. E, para remarcar a profunda sima que separa PSdeG do BNG, Leiceaga retou a formación nacionalista: "Eu chámoos á claridade. De que están a falar? De que modelo? Se están a falar de independencia, atrévanse a pronunciar a palabra. Dígana se é así. E se non díganme: estamos a falar dun modelo similar a...".


En realidade, Pontón deixara claro que a intención do seu grupo era a de abrir o debate, non arredor das propostas concretas que o BNG fose defender na ponencia -e que estarían explicitadas nas súas Bases Democráticas-, senón por volta da oportunidade de criar unha ponencia no Pazo do Hórreo para, literalmente, a "elaboración dunha proposta sobre o Novo Marco Político e institucional de Galiza".

Apostamos por un novo status porque queremos romper coa subordinación de Galiza co estado español e estabelecer relacións de igualdade

Neste momento, analisou a portavoz nacionalista, hai "dous camiños". "Ou a parálise. A de afirmar que Galiza non ten que dar este debate malia a que todo o mundo estea a dar pasos. Ou o camiño do impulso político e abordar os debates que hai que dar", razoou.

"Apostamos por un novo status porque queremos romper coa subordinación de Galiza co estado español e estabelecer relacións de igualdade", estendeuse Pontón e a seguir acrecentou que "nengún demócrata ten que ter medo a que unha nación que existe como é a galega poda existir en pé de igualdade co resto de nacións do mundo".

No seu discurso, a líder do Bloque fixo unha valoración moi negativa dos 37 anos decorridos desde a aprobación do Estatuto de Autonomía. "O Estatuto é un traxe que nos fica estreito. A autonomía é cada vez máis autoanémica", dixo, nun contexto de "recentralización brutal en que este estatuto, calquera estatuto, tornouse en papel mollado". Galiza non avanzou neste marco político, por iso é ben dotármonos dun novo, reflectiu. "Vivemos en Galiza menos persoas do que vivían cando se aprobou o Estatuto e temos unha populación moito máis envellecida", argüíu. E para reforzar o seu argumento, botou man de estatísticas. "En 1981 representabamos 6 por cento do PIB estatal, agora 5,2  por cento. Eramos 10 por cento do emprego total no conxunto do Estado, agora 5,5 por cento", dixo.

O galego é a única lingua da península que está a perder falantes e iso ten a ver non só cunha cuestión de identidade, senón tamén co deterioro da base económica e material do país

Mais se algún aspecto da vida do país simboliza, a dicer de Pontón, o seu devalo é o lingüístico. "O galego é a única lingua da península que está a perder falantes e iso ten a ver non só cunha cuestión de identidade, senón tamén co deterioro da base económica e material do país", afirmou.

Apoio de En Marea

A iniciativa do BNG si recebeu o respaldo de En Marea, embora Luís Villares aproveitase a súa quenda para marcar un perfil distinto ao da formación soberanista. Dixo concordar coa "parte dispositiva" da iniciativa, mais non con algunhas consideracións da súa exposición de motivos. En que termos situou o disenso? En que na opinión do seu grupo, Galiza durante estes 35 anos, embora non gozou de "soberanía", si tivo "autogoberno". Argumentou nese sentido que as políticas de "exterminio lingüístico" non obedecían ás condicións do marco político, senón ás decisións adoptadas pola maioría da cámara, en mans do PP, e executadas polo goberno Feijóo. "Non podemos asumir viver nun país sen competencias", dixo, porque iso sería tanto como "desculpar" os sucesivos gobernos autonómicos do PP que si serían "responsábeis" do actual estado do país.

luis villares en mareaEn todo caso, Villares afirmou ser favorábel ao Novo Marco Político que defende o BNG porque o estatuto de 1981 ten unha dupla condición, a de "estar obsoleto e a de non estar desenvolvido".

O discurso do PP

Pedro Puy non ofereceu grandes achegas argumentais, máis alá do previsíbel dardo dialéctico de pintar o BNG como "seguidista" do soberanismo catalán. Utilizou como fonte de autoridade, iso si, varias reflexións apontadas na súa intervención por Leiceaga e deixou entrever que a reforma do estatuto non fai parte das prioridades da administración Feijóo.

A iniciativa, por tanto, foi rexeitada ao ser votada en contra por PP e por PSdeG e obter só os votos de En Marea e BNG. Mais o debate fica como a primeira achega seria en sede parlamentar, desde unha perspectiva galega, sobre a discusión territorial actualmente en curso en todo o Estado.


 



x