A DEPUTACIÓN DE OURENSE, NO AIRE

O PSOE avanza nas Deputacións por conta do PP

O PSOE avanza nas Deputacións por conta do PP
[Imaxe: Distrito Xermar]
[Imaxe: Distrito Xermar]  

Na de Pontevedra, por vez primeira na historia do ente provincial, o PSOE supera o PP e podería gobernar en maioría. Na da Coruña todo apunta a que se reeditará o pacto entre PSOE e BNG e en Lugo tamén poderían formar goberno. A Deputación de Ourense fica no aire, pendente dos resultados.


Por vez primeira, o PSOE superou o PP na Deputación de Pontevedra, ao facerse con 13 escanos fronte aos 11 dos populares e os tres do BNG. Con estes resultados, Carmela Silva recuncará como presidenta provincial e poderá gobernar en solitario se opta por un executivo en minoría. A outra posibilidade pasa por reeditar o pacto coa formación nacionalista.

Os resultados das eleccións municipais permitiron ao PSOE subir de 10 a 13 actas provinciais; o PP pasa de 12 a 10 escanos e o BNG, de catro a tres. Desaparece da Corporación provincial o único escano que obtivera a coalición Son.

A Deputación de Pontevedra está formada por 27 escanos, repartidos entre os partidos xudiciais (Vigo 11; Pontevedra, 7; Cambados, 3; Tui, 3; A Estrada, 1; Lalín 1 e Ponteareas 1.

A Deputación de Lugo podería volver ser gobernada por un bipartito

O PP ficou a un escano dos 13 necesarios para acadar a maioría absoluta na Deputación de Lugo. Así, o ente provincial podería volver ser gobernado por un bipartito, pois PSOE e BNG logran sumar as 13 actas.

O PP repite o número de actas que en 2015, un total de 12; o PSOE baixa de 11 a 10 e o BNG sobe de 2 a 3.

As 25 actas repártense entre Mondoñedo (6); Vilalba (2); Lugo (12); A Fonsagrada (1); Chantada (2) e Monforte (2).

Na Deputación da Coruña reeditaríase o pacto

O aumento de apoios do PSOE na Coruña, Compostela e Ferrol e nas respectivas comarcas e a recuperación do BNG propicia que ambas as forzas políticas poidan reeditar o pacto que os levou a gobernar a Deputación da Coruña.

A este ente provincial correspóndelle un total de 31 actas, que se reparten da seguinte maneira: 1 para Corcubión; 2 para Carballo; 3 para Noia; 8 para Compostela; 10 para A Coruña; 2 para Betanzos e 5 para Ferrol.

A maioría do PP en Ourense, no aire

Aínda sen concluír o reconto nalgunhas mesas, os resultados definitivos da Deputación de Ourense fican no aire. Apenas unha manchea de votos sitúan o PP na corda bamba. O partido de Baltar cedería dos dous oito deputados que obtivo en 2015 no partido xudicial de Ourense.

A representación de Democracia Ourensá ten aseguradas dúas actas e o BNG e Ciudadanos unha cada un. Resta por saber se o PP contará con seis ou sete e o PSOE con catro ou cinco.

Os escanos repártense na Deputación de Ourense da seguinte maneira: 2 por Verín; 2 por Ribadavia; 15 por Ourense, 1 por Bande; 1 pola Pobra de Trives; 2 por Celanova e 2 polo Barco de Valdeorras.

Cando se constitúen as deputacións?

Unha vez constituídos todos os concellos (15 de xuño), os escanos das deputacións provinciais repártense, por cada partido xudicial, de forma indirecta. O reparto faise seguindo a fórmula D’Hondt entre aquelas forzas políticas que obtivesen algún concelleiro ou concelleira e segundo o número de votos logrados por cada un deles.

As deputadas e deputados provinciais que corresponden a cada partido xudicial son elixidos polas concelleiras e concelleiros eleitos de todos os concellos dese partido xudicial. Prevese que a toma de posesión nas deputacións teña lugar a principios de xullo.