APÓS A RENUNCIA DE JOSÉ ÁNGEL VÁZQUEZ BARQUERO

O PSOE ourensán propón Rafael Rodríguez Villarino como candidato á alcaldía

O PSOE ourensán propón Rafael Rodríguez Villarino como candidato á alcaldía
Rafael Rodríguez Villarino
Rafael Rodríguez Villarino  

O PSOE ourensán vén de propoñer Rafael Rodríguez Villarino como o seu candidato na carreira pola alcaldía, após a renuncia de José Ángel Vázquez Barquero.


A nova candidatura encabezada por Villarino acordouse por unanimidade da executiva e ha de ser referendada agora polos órganos superiores do PSOE, sendo previsíbel que así aconteza.

Rafael Rodríguez Villarino é alcalde do concello de Amoeiro desde o ano 2007, secretario provincial do PSdeG de Ourense, psicólogo e profesor da UVigo. O seu paso á cidade das Burgas obriga a que o PSOE realice unha nova elección para a alcaldía de Amoeiro. 

A proposta do PSOE xorde tras a renuncia efectuada por José Ángel Vázquez Barquero como candidato á alcaldía de Ourense, despois de ter gañado o proceso de primarias interno. Esta renuncia estivo motivada no seu desacordo co Comité Federal Socialista e a modificación da súa proposta para as municipais do 26 de maio, onde acordou incluír á actual edila Concha García no posto catro da lista, en substitución de Juana Ageitos.


Eva Maldonado tamén foi outra das renuncias sobrevidas no PSOE ourensán, no seu caso ante as eleccións xerais do 28-A, e que se fixo público após ser 'relegada' ao número tes cando foi, segundo afirmou, “a candidata máis proposta e votada polas bases socialistas para encabezar a lista ao Senado do PSOE".
 



x