O PSOE traslada ao PNV que respeitará os termos do seu acordo orzamental co PP

O PSOE traslada ao PNV que respeitará os termos do seu acordo orzamental co PP
Andoni Ortuzar, o presidente do PNV
Andoni Ortuzar, o presidente do PNV  

Os votos da formación nacionalista vasca (5) son cruciais para a moción de censura do PSOE prosperar. O PP ten, aliás, unha baza: tombar os orzamentos pactados cos jeltzales no Senado, no caso de o PNV franquear a Sánchez as portas da Moncloa. Unha vendetta en toda regra. 


A resposta de Sánchez ás presións do PP ten sido a de trasladar a Sabin Etxea que o partido socialista mantería os termos do acordo orzamental alcanzado por Raxoi con Urkullu e Ortuzar, segundo informa eldiario.es. Isto significa que o PP podería vetar as contas no Senado, mais o Congreso -que é a cámara que lles dá o nihil obstat definitivo- repescaría os aspectos dos orzamentos pactados cos nacionalistas vascos.

A principal preocupación neste momento do PNV é non dar paso a unha rápida convocatoria de eleccións xerais. Teme, ante todo, un goberno de Ciudadanos, partido que cuestiona o concerto vasco. Ese factor pode acabar inclinando a balanza de Sabin Etxea cara un acordo co PSOE, sendo que a outra opción en xogo -unha moción técnica para ir a un adianto eleitoral, a que patrocinaría Cs- é xusto a que máis favorece as expectativas do partido de Albert Rivera, que encabeza con comodidade todos os inquéritos.

Nas últimas horas desde Podemos tense filtrado a distintos meios que no caso de fracasar a iniciativa de Sánchez a formación morada podería ceder a Ciudadanos a asinatura de tres parlamentares para viabilizar esa moción de censura técnica (Cs non a pode formalizar por si só porque só dispón de 32 escanos e o mínimo é 35).

Destarte, é evidente que a lexislatura está a tocar ao seu fin e que os cenarios que existen por diante son basicamente dous: a) esta sexta feira prospera a moción de censura de Sánchez, o PSOE goberna uns meses e convoca as urnas nun prazo indeterminado (talvez en coincidencia coas municipais e europeas de 2019) e b) fracasa a iniciativa do PSOE e ábrese paso unha moción técnica de CS -cun candidato independente e cun único ponto programático, a convocatoria inmediata de eleccións.