EUROPEAS

Puigdemont será candidato ao seren rexeitados os recursos de PP e Cs

Puigdemont será candidato ao seren rexeitados os recursos de PP e Cs
Carles Puigdemont
Carles Puigdemont  

O Tribunal Constitucional rexeita por unanimidade a admisión a trámite dos recursos presentados por Ciudadanos e PP para impedir a candidatura de Puigdemont. A Xunta Electoral emenda a resolución na que descartaba como membros da candidatura a Puigdemont, Comín e Ponsatí.


A sala primeira do Tribunal Constitucional rexeita por unanimidade a admisión a trámite do recurso de amparo que Ciudadanos e PP presentaran contra a candidatura de Lliures per Europa-Junts ás eleccións europeas do vindeiro 26 de maio, polo feito de contar entre os membros da lista cos exiliados Carles Puigdemont e Toni Comín e coa tamén ex consellera e exiliada Clara Ponsatí.

O tribunal rexeitou en primeiro lugar o recurso de amparo de Ciudadanos, e logo aconteceu o mesmo cos tres recursos que o Partido Popular tamén presentara.

Desde o TC consideran que a motivación alegada por ambos partidos non se pode considerar como motivo de amparo, xa que non garda ningunha relación coa conculcación dun dereito fundamental.

O xulgado do contencioso-administrativo de Madrid avalara xa o dereito de Puigdemont, Comín e Ponsatí a presentarse ás eleccións europeas en contra do criterio previo da Xunta Electoral Central. Fora o pasado 29 de abril precisamente, cando a Xunta Electoral impedía a Puigdemont, Ponsatí e Comín poder optar a escano no Parlamento Europeo ao aceptar os recursos presentados por PP e Ciudadanos onde argumentaban que estas tres persoas exiliadas se atopaban en rebeldía procesual penal, polo que se convertían en inelixíbeis.

Desde o TC consideran que a motivación alegada por ambos partidos non se pode considerar como motivo de amparo

Após coñecerse o criterio do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Madrid, desde Ciudadanos presentaron un recurso por considerar inadmisíbel “que un señor que fuxiu da xustiza e que traballa en contra de España teña privilexios e represente o noso país". Así mesmo, Pablo Casado criticaba que a democracia española non é merecente de que persoas “reclamadas pola xustiza se presenten a unhas eleccións para continuar facendo propaganda pagada cos nosos impostos”. Con estes recursos rexeitados, Puigdemont xa é legalmente candidato.