ELECCIÓNS EUROPEAS

Puigdemont ve “intelixente” unha candidatura catalá, vasca e galega ás europeas

Puigdemont ve “intelixente” unha candidatura catalá, vasca e galega ás europeas

Ao president da Generalitat no exilio Carles Puigdemont parécelle “unha proposta intelixente” unha candidatura unitaria entre soberanistas de Catalunya, Euskal Herria e Galiza ás eleccións europeas. Acrecenta que “pode ser realmente disruptiva na fórmula política sobre a que se asentou o Estado español”.


“Tendo en conta que nós defendemos a máxima unión política neste momento, esta é unha proposta que entra de cheo neste espírito”. Así respondía Carles Puigdemont, president da Generalitat no exilio, a unha pregunta formulada polo diario vasco Gara en relación á posibilidade de artellar candidaturas unitarias entre forzas soberanistas de Catalunya, Euskal Herria e Galiza.

O president no exilio afirmou na entrevistas que “sumar o máximo de forzas posíbeis de lugares moi diversos que, aínda que nalgúns temas poidamos ter ideas moi distantes, coincida naquilo que é fundamental como o dereito á autodeterminación e as liberdades básicas, pode facer escoitar unha voz que existe, que é potente e que ten moita capacidade para intervir na política europea”.

Na mesma liña, Puigdemont, sinalou “paréceme unha proposta intelixente que pode ser realmente disruptiva na fórmula política sobre a que se asentou o Estado español”. Referíase así a que hoxe en día o Estado “non pasa os estándares de calidade democrática”. Nesta liña, advertiu que cómpre “deixar partidismos a un lado e entender que é un momento dunha grande transcendencia que pide tamén decisións transcendentes”.

A pasada semana, nunha entrevista a Radio Barcelona (SER), o portavoz de ERC no Congreso, Joan Tardà, anunciaba que Esquerra negociaba unha candidatura ás eleccións europeas “co independentismo de Euskal Herria e co BNG”. Pola súa banda, nunha recente entrevista publicada en Sermos Galiza, a europarlamentar do Bloque Ana Miranda expresaba o desexo de “agrandar a coalición ás tres nacións, con vascos e cataláns”.