Puy elude defender a continuidade de Rajoy e ve Feijóo con "cualidades e opcións" como relevo

Puy elude defender a continuidade de Rajoy e ve Feijóo con "cualidades e opcións" como relevo
Pedro Puy
Pedro Puy  Foto: Natalia Porca

Para o portavoz parlamentar do PPdeG, as municipais de 2019 decidirán se a formación conservadora debe abrir ou non un proceso de renovación "de persoas e ideas" análogo ao que protagonizou o partido en Galiza após a súa derrota nas locais de 2015.


Nunha entrevista este domingo en Radio Galicia, Pedro Puy eludiu defender quer a continuidade de Cristina Cifuentes -a presidenta da comunidade autónoma de Madrid non acaba de dar explicacións satisfactorias sobre o seu máster- quer a candidatura de Mariano Rajoy nas próximas eleccións xerais.

Interpelado sobre os inquéritos -este domingo coñeceuse unha sondaxe que coloca por cima do 60 por cento a percentaxe de votantes do PP que piden o relevo de Rajoy-, Puy evitou respaldar o liderado do actual inquilino da Moncloa e optou por facer unha longa reflexión sobre o carácter crucial das eleccións municipais e autonómicas de 2019. Se os resultados neses comicios son positivos para o partido conservador, ficarían reforzadas as "actuais liñas políticas" do PP. No caso contrario, a formación tería de abrir un proceso de debate similar ao que viviu o PPdeG após a súa derrota nas municipais de 2015. A resultante nese último cenario tería de ser a renovación de "persoas e ideas".

Dito doutro xeito: Rajoy pon en xogo o seu liderado nas municipais 2019, iso veu dicer Pedro Puy. A seguir, inevitabelmente tivo que lidar coa cuestión de se Feijóo está ou non na pole position para ser o relevo do actual presidente do goberno. "Si, ten cualidades e opcións", respondeu.

Puy tampouco se desbotou explicitamente como hipotético relevo de Feijóo, na eventualidade de este ser chamado a Madrid. Simplesmente foi polo rego do previsíbel e dixo que esa cuestión non está neste momento aberta na Galiza, cando aínda non se alcanzou nen sequer o ecuador da lexislatura.