AS ELECCIÓNS A OLLOS DE... ANALISTAS

Que acontecerá nas urnas?

Que acontecerá nas urnas?
Rodríguez, Porteiro, Baamonde e Bastos
Rodríguez, Porteiro, Baamonde e Bastos  

Este domingo será decisivo para o futuro electoral de Galiza, pois de repetirse a perda da hexemonía do PP acontecida nas xerais perigará o futuro de Feixoo e abrirase a porta a un posíbel goberno sen o PP na Xunta en 2020. Semella que o PSOE ascenderá e arrebatará algunhas alcaldías ás mareas. Un BNG á alza está chamado a ser a terceira forza hexemónica.


Vai rematando o período electoral máis intenso das últimas décadas, cunha bronca e mediática precampaña dos comicios xerais que durou meses até ir amainando a medida que chega a cita deste domingo coas urnas municipais e europeas. Chegou certa calma final debido a, por unha banda, o esgotamento de tantas semanas en campaña e, por outra, á previsión duns resultados moi semellantes á correlación de forzas obtida nas xerais.

As e os analistas coinciden grosso modo en que o 26M certificará a continuidade ou non de Feixoo e abrirá, de repetirse a perda da hexemonía do PP nas xerais en Galiza, a posibilidade dun goberno alternativo nos comicios galegos do ano que vén.

Prevén uns resultados para o PSOE semellantes aos do 28 de abril e un claro ascenso do BNG nos concellos que o certificará como terceira forza política galega, así como a capacidade de manter a súa eurodeputada. Todo apunta que perderán apoios as actuais alcaldías das mareas na Coruña, Santiago e Ferrol.

Francisco RodríguezFrancisco Rodríguez: “é reconfortábel ver que o nacionalismo revive na Galiza con toda a vitalidade que o país precisa”

Para o ex deputado do Bloque no Congreso e ensaísta Francisco Rodríguez os resultados do domingo 26 de maio irán nunha liña semellante aos dos comicios xerais. No caso do nacionalismo sinala un avance cualitativo e cuantitativo grande para o BNG cunha presenza relevante nos concellos, mantendo e aumentando as súas alcaldías. Nese aspecto, Rodríguez considera as eleccións como “alentadoras”, xa que posibilitarán un reforzo da estrutura social e orgánica do BNG que signifique o inicio dunha escalada de subida progresiva que poderá ser máis notoria nas eleccións galegas. “É reconfortábel ver que o nacionalismo revive na Galiza con toda a vitalidade que o país precisa”, afirma Rodríguez.

En canto o PP, o ex deputado galego considera que, desde un punto de vista cualitativo, xa se deu a perda da súa hexemonía nos concellos hai catro anos e que agora se dará a mesma perda de maneira tamén cuantitativa. “Será a hora de ver os problemas galegos alén da maioría do PP, porque non vai haber ese pretexto desde o punto de vista institucional e electoral”, matina Rodríguez.

Hai un problema de fondo grave na Galiza que radica en que o debate español opaca o galego, tanto a nivel municipal como en relación á UE

Sobre o evolución da campaña electoral salienta que os discursos dominantes adoeceron dunha falta de concreción e de aproximación á realidade “moi preocupante”, servindo o discurso político como produto de consumo electoral a base de frases feitas. “Ten excepcións afortunadamente”, salienta Rodríguez, que as vincula ao campo nacionalista.

Ademais, hai un problema de fondo grave na Galiza que radica en que o debate español opaca o galego, tanto a nivel municipal como en relación á UE. A este respecto, Rodríguez considera preocupante a falta precisamente de debate “sobre a Unión Europea, sobre como lle vai a Galiza nela, cal é o papel do Estado español na UE e se o futuro pasa por continuarmos na Unión ou non, e de decidir continuar, baixo que mudanzas e que obxectivos sería”.

María Xosé PorteiroMaría Xosé Porteiro: “A xente continúa con ganas de dar unha volta a situacións que levaban moito tempo encapsuladas”

Para a escritora e xornalista María Xosé Porteiro, as enquisas acertarán os prognósticos que sinalaron para as cidades galegas, dado que as eleccións xerais foron hai poucos días e considera que non houbo tempo suficiente para que a tendencia mudase de forma salientábel. Ten tamén a impresión de que a xente continúa con ganas de “dar unha volta a situacións que levaban moito tempo encapsuladas” en referencia á hexemonía que durante anos mantivo o PP na Galiza e que durou até o pasado 28 de abril.

Dubida sobre cal será o partido que obterá máis eurodeputadas e eurodeputados, pese a ter a certeza de que o PSOE remontará respecto das anteriores europeas. “Unha incógnita será Podemos”, afirma, xa que nos anteriores comicios á eurocámara estreouse coa candidatura de Pablo Iglesias “e todo apunta que retrocederá posicións debido ao desgaste destes anos”, valora a escritora. Ademais considera de interese que o BNG manteña “polo menos” a súa representación actual, xa que resalta o traballo da eurodeputada nacionalista Ana Miranda como “consciente e moi rendíbel” para as galegas e galegos.

Ao falar dos 313 concellos de Galiza, Porteiro dubida en se o mapa será “máis azul ou máis vermello”, é dicir, se haberá máis alcaldías galegas do PP ou da esquerda, mais o que si ten claro é que o PSOE vai adiantar en número de votos o PP e que se consolidará unha recuperación do partido de Pedro Sánchez nas grandes cidades. Ademais, adianta a posibilidade de “gobernos de coalición na Coruña e Santiago, tal vez en Ourense e moito máis difícil en Ferrol”.

A Deputación de Pontevedra é exemplo esperanzador de cara a un futuro goberno na Galiza que precise da esquerda do PSOE e da esquerda nacionalista

Porteiro salienta tamén o caso de Pontevedra, que consolida elección tras elección o proxecto do BNG, así como o caso de Vigo por fortalecerse o goberno do PSOE. “Isto dá unha deputación segura para ambas forzas”, di Porteiro, quen salienta a experiencia de goberno colaborativo entre ambas forzas na Deputación de Pontevedra como “exemplo esperanzador de cara a un futuro goberno en Galiza que precise da esquerda do PSOE e da esquerda nacionalista e que rompe o mito do bipartito como un bigoberno”. A escritora considera que a Deputación de Pontevedra está dando unha impresión esperanzadora de que é posíbel “gobernar a varias mans, sen prexudicar os intereses concretos partidarios e traballando ben pola comunidade”.

Antón BaamondeAntón Baamonde: “O electorado vota de maneira estratéxica en función do escenario que sabe ou intúe”

Para o profesor de filosofía e ensaísta Antón Baamonde, o máis salientábel que deron de si as eleccións anteriores foi a diferenza de 10 puntos da suma de esquerdas sobre a dereita, “que é estraña na Galiza”. Non era obvio que o PP puidese perder, e así aconteceu o 28 de abril, sinala Baamonde. O traslado de votos do PSOE ao PP non é frecuente e dado este precedente, valora que agora si saben nas filas conservadoras que posíbel volver a perder a súa hexemonía na Galiza.

Cos resultados das xerais e co que aconteza o domingo, Baamonde sinala que Feixoo pode non vencer nas eleccións galegas de 2020, xa que este domingo confirmará tendencias que abrirán a posibilidade dun goberno tripartito na Xunta.

A división do voto da dereita pode prexudicar o PP, mentres que o PSOE e o BNG certificarán os seus avances e bos resultados, prognostica o profesor. Coincide ademais, en que En Marea se xoga a súa continuidade como formación política.

A división do voto da dereita pode prexudicar o PP, mentres que o PSOE e o BNG certificarán os seus avances

En canto ás cidades, considera que o PSOE avanzará e que o Bloque subirá por desgaste das mareas. De feito, sinala que a Marea Atlántica e Compostela Aberta sufrirán un retroceso. A En Marea de Villares xógase case todo, “como teña mal resultado nas municipais e as eleccións europeas sexan un fiasco estarán no borde da súa propia existencia”, sinala. Na bancada de dereita, Baamonde apunta que Vox e Cs sacarán menos en Galiza do que obtiveron nas xerais e sobre o PP dubida en que sexa quen de conseguir algunha grande alcaldía, a non ser Ourense, onde ten algunhas posibilidades. “As deputacións será improbábel que as recupere”, asegura.

Sobre as campañas electorais Baamonde considera que xa non son moi relevantes e que pouco mudan na intención de voto, como amosaron os estudos do CIS previos á campaña das xerais ao acertaren nos resultados. “O electorado vota de maneira estratéxica en función do escenario que sabe ou intúe”, asegura.

MIguel BastosMiguel Bastos: “A esquerda seguirá gobernando na maioría das cidades galegas e o PSOE pode ser máis votado que as mareas”

O politólogo e profesor de Ciencia Política, Miguel Bastos, coincide cos prognósticos das enquisas que dan como gañador o PSOE nas eleccións europeas e municipais. Na loita polo segundo posto visualiza unha pugna entre PP e Ciudadanos, e decántase en que gañarán os de Casado. Así mesmo, augura bos resultados para o BNG e os seus socios de Esquerra. “O golpe vai ser para as mareas que son as que perden poder de verdade”, sinala.

Bastos apunta a que a esquerda seguirá gobernando na maioría das cidades galegas e que o PSOE pode ser máis votado que as mareas. Coa suba “importante” do BNG e o “fiasco” das mareas, Bastos augura que en moitas localidades poderán gobernar Bloque e PSOE xuntos. O BNG pode ser un dos grandes beneficiados da noite electoral, salienta, “e se é quen de derrotar a Cs e Vox, o Bloque volverá quedar como unha das forzas hexemónicas da Galiza”. Por iso non cre que cambie moito a correlación de forzas actual entre esquerda e dereita. En Ourense é onde máis dúbidas amosa o politólogo, e indica que está por ver se o PP pactará con Democracia Ourensá ou se o fará o PSOE.

Non augura grandes sorpresas para este 26 de maio e afirma que o PP dá case todo por perdido

Non augura grandes sorpresas para este 26 de maio e afirma que o PP dá case todo por perdido. Sobre Ciudadanos pensa que “non entrarán tan ben como fixeron nas xerais”, o que dará un respiro ao PP.

Sobre a campaña electoral considera que foi moi pegada no tempo a das xerais, polo que as candidatas e candidatos á presidencia mantiveron o seu protagonismo, opacando as e os candidatos ás alcaldías. “As europeas foron tapadas por completo, non houbo case debates”, afirma o profesor Bastos, e engade que de haber boa participación deberase a coincidencia coas municipais.