Quen defende Galiza neste Estado?

Quen defende Galiza neste Estado?
Un acto de campaña do BNG (BNG)
Un acto de campaña do BNG (BNG)  
A axenda estatal condicionou a campaña na Galiza. As propostas para unha mellor defensa do país en Madrid fican no ar. As forzas estatais están máis pendentes de quen pacta con quen e que facer en Catalunya sen cuestionar os fundamentos do Estado español. A campaña deixa o debate aberto para as galegas do ano próximo. Eis un estrato da peza publicada no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza.

mini-gzEstadoPor desgraza é unha campaña absolutamente españolizada, presidencialista e basicamente realizada desde platós televisivos madrileños na que Galiza e os problemas dos galegos e galegas están practicamente ausentes», reflexiona Rubén Cela, xefe de campaña do BNG. A catro días das votacións do vindeiro domingo, as tres preguntas que a campaña das eleccións estatais colocou na axenda política da Galiza recibiron respostas imprecisas por parte da maioría de forzas políticas en competición.

A pregunta pola gobernabilidade no Estado (con quen pactará Pedro Sánchez?; ou, quen facilitará un goberno de Pedro Sánchez?) está sen contestar por parte do presidente en funcións. Porén, desde a dereita e desde a esquerda as distintas formacións avanzaron as súas posicións para despois do 10‑N.

A pregunta sobre como afrontará o futuro Goberno do Estado a rebelión catalá, e a cuestión territorial que esa rebelión volve pór sobre o taboleiro político, tivo respostas en clave electoral que van desde a man dura até o diálogo aberto. O debate afecta directamente a Galiza, pero só o BNG definiu a súa postura en clave galega.

A pregunta sobre quen defende (mellor) Galiza nas institucións estatais quedou nun segundo plano, malia a insistencia das nacionalistas, que centraron nela toda a súa campaña. Pero sen focos mediáticos sobre a cuestión, esta recibe as respostas vagas  de sempre.

En certo modo, as respostas sobre a xestión desde o Estado español da crise aberta en Catalunya e sobre a mellor defensa no Congreso e no Senado dos problemas galegos dependen da resposta á primeira pregunta.

Na Galiza, o Bloque Nacionalista Galego ten trazado o plan para actuar se é chamado a apoiar a formación dun Goberno no Estado. Non pacta co PP e, cando pode, promove alternativas ao PP. «Temos demostrado capacidade para negociar e posibilitar gobernos de esquerda», di Carme Da Silva, candidata por Pontevedra, mentres Ana Pontón insiste cada día en subliñar «a inutilidade» de PSOE e Podemos, «incapaces» de acordar un goberno de esquerda e ter «desaproveitado» outra oportunidade.

Desde En Común‑Unidas Podemos reclámase un pacto cos socialistas se dan os números. «Fronte a unha irresponsabilidade histórica [a de no ter pactado despois de abril]», Antón Gómez‑Reino, líder galego de Podemos, reclama, agora si, «a oportunidade histórica» para un acordo.

No PSOE galego, o seu líder e secretario xeral, Gonzalo Caballero, limítase a reproducir a mensaxe de Pedro Sánchez. Os socialistas evitan comprometer calquera futura negociación. E Pilar Cancela, número un pola Coruña, explica: «Non haberá gran coalición, nós sempre falamos coa esquerda, pero agora mesmo é cuestión de responsabilidade esperar polos resultados e non xerar expectativas».

Alberto Núñez Feixoo e o PP galego téñeno claro. «Só hai dúas alternativas, un Goberno encabezado por Pedro Sánchez ou un Goberno liderado por Pablo Casado», di Diego Calvo, presidente dos populares na Coruña, estes días. «Un Goberno cos independentistas ou un goberno moderado», remarca.

No PP galego, mentres o seu secretario xeral, Miguel Tellado, se congratula do «xiro» de Pablo Casado cara á «moderación», o presidente do partido e da Xunta de Galiza, Núñez Feixoo, alerta de que Pedro Sánchez é «refén» do independentismo catalán. Na campaña galega, a cuestión catalá serve ao PP para axitar o odio. «Catalunya necesita firmeza», di Jaime de Olano, candidato popular por Lugo. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]