SESIÓN DE CONTROL AO PRESIDENTE

Quen é "o dono" das galegas?

Quen é "o dono" das galegas?
Antón Sánchez, no Parlamento. (Arxina). Abaixo, público asistente á sesión desta cuarta feira.
Antón Sánchez, no Parlamento. (Arxina). Abaixo, público asistente á sesión desta cuarta feira.  
Alberto Núñez Feixoo recupera o ton máis duro no cara a cara cos líderes parlamentarios coa pantasma da ultradereita e a ineficacia das políticas contra a violencia machista como fondo.

Guía rápida para as e os próximos estudantes que accedan ao Parlamento [esta cuarta feira asistiron como público universitarios e alumnado de secundaria]:

a)    Non se asustar, a eses señores e señoras estalle permitido insultar e humillar o adversario. Non acabarán na cadea a non ser que convoquen un referendo popular para darlle voz á xente. 

b)    O Goberno fala de cifras; a oposición, de conceptos. As cifras poden ser correctas ou non. Os conceptos son subxectivos. 

c)    Todas e todos os parlamentarios aman o país, a muller galega e defenden os servizos públicos e sempre din que os outros non o fan. 

d)    Cando se fala de Vox non só se cuestiona o compromiso da dereita coa democracia, o que está en cuestión é a capacidade das institucións como barreiras de contención contra a ultradereita, pero diso non se fala.

e)    Cando a dereita gaba a coherencia do PCE nos anos da Transición e despois alármase de que haxa comunistas no Goberno do Estado, está dicindo o mesmo: o poder (aínda que sexa pouquiño) ten dereitos de admisión. 

E non se preocupar se perdestes algo por culpa do balbordo: o mesmo debate repítese desde hai anos e continuará... 

Feixoo busca o corpo a corpo

O segundo cara a cara en sete días do presidente Feixoo cos portavoces dos grupos parlamentares deixou a impresión que o titular empeza a buscar o corpo a corpo, quen sabe se por supostas urxencias electorais. O PP non vai ben a meses das galegas e a Feixoo esíxelle que tome a iniciativa. 

WhatsApp Image 2019-11-20 at 11.15.20Enfronte, os líderes da oposición, que segue buscando liderado. Ana Pontón, a única portavoz, falando en favor da muller e tendo que escoitar do Presidente que el fala “en nome da maioría das mulleres galegas” e non acepta leccións “da minoría parlamentar galega”. “As mulleres galegas non teñen dono”, responde Pontón, secundada por todas as mulleres da bancada da oposición, mentres os máis fogosos deputados (Vega e Trenor) exhibían malos modos desde o coro popular, un teatro patético tendo en conta o público da sesión xuvenil. Ana Pontón, a única muller portavoz, dicindo que o Goberno do PP vén desenvolvendo no país unha axenda machista a través, entre outros, dos grupos anti-aborto ou dos concertos con colexios que segregan por sexo. E Feixoo que responde que “o BNG tampouco é o dono das mulleres” da Galiza e “non politice, señora Pontón”. “Pois claro que é política!, que é se non?”, clama Pontón xa sen micro porque Feixoo sempre ten a última palabra.

E Feixoo remata cuspindo Vox contra o nacionalismo: “Grazas a Vox, que dividiu o voto, o BNG ten un escano en Madrid”. “Vox e vostedes”, dille a Pontón, “teñen o mesmo slogan: ‘Botar Feixoo da Xunta”.  

Caballero e o pacto agochado

Gonzalo Caballero volveu recuperar o ton que menos lle convén e foi directo a cuestionar as posibilidades do PP de repetir a maioría absoluta en 2020 dados os resultados das eleccións celebradas durante este ano. Erra cando reprende a Feixoo, moito máis áxil no lodo. Dixo Caballero que ao PP “non lle importa pactar con quen sexa” e os populares riron (Vega e Trenor, con insolencia). Dixo que Feixoo “xa ten un pacto oculto coa ultradereita” e que el, Caballero, lidera o cambio “de aposta do PSOE polos servizos públicos” (que significa unha cousa e a outra) e por iso o Presidente anda preocupado.

Preocupado non, respondeu Feixoo, “eu, encantado”. “Desde aquí vexo as caras das deputadas e deputados do seu grupo e parece que vostede lles gusta pouco”. Despois, ofreceuse para ensinarlle como “funciona a Cámara” e foi máis ácido que nunca no insulto: “Vostede non sabe, non quere traballar e cada vez que vén aquí vén dar un mitin”. E máis: “Non hai un só galego que pense que vostede está a altura das galegas e dos galegos”.

Antón Sánchez e o vello PCE

Antón Sánchez preguntou a Feixoo que pensa facer o seu Goberno para corrixir a fenda salarial de xénero. O presidente resumiu a súa resposta dicindo que vai seguir facendo o mesmo que vén facendo. O portavoz do Grupo Común da Esquerda insistiu: “A fenda salarial supera á media estatal. Un informe de Gestha advirte que para equilibrar o que cobran as galegas co que cobran os galegos farán falta 615 anos. No décimo decil da renda, as mulleres cobran a metade, 6.700 euros [ano] de media fronte a 11.700 euros”.

Entón, o Presidente debeu perder o fío e recordou Venezuela, o comunismo e apelou á Razón de Estado. Feixoo recordou que unha deputada do grupo de Sánchez vestira na Cámara unha camiseta co lema: “Chávez, te lo juro, votaremos a Maduro”, o que o presidente considera un agravio “a miles de galegos”. E lembrou que Podemos, “pro-chavista”, “o único partido comunista nun Goberno dunha democracia occidental”, vaise encargar da política social do Goberno do Estado, e que a Razón de Estado aconsella que iso non é bo. Feixoo, tan didáctico co público xuvenil como con Caballero, axitou a chistera e rematou cunha lección de historia: “Este PCE [Partido Comunista de España] non é bo, quere romper España; aquel PCE si que era bo, e por iso foi coherente na Transición e entendeu que España é unha nación e merece a protección de todos os españois”.

g)    Último apunte na guía. Pode parecer que non, pero a pregunta sinxela do deputado si foi contestada, é a resposta comodín do Goberno: “Non veñades con ideas comunistas...”