O CANDIDATO DO BNG NA CORUÑA PRESENTOU O PRIMEIRO TRAMO DA CANDIDATURA

"Queremos mudar a decepción en ilusión por un proxecto transformador para a cidade"

"Queremos mudar a decepción en ilusión por un proxecto transformador para a cidade"
BNG A Coruña
BNG A Coruña  

Jorquera advertiu do perigo da "Triple Alianza que quere que retornemos a un pasado negro"


“É un equipo conformado por persoas capaces e solventes que será quen de devolver a ilusión á cidade nun cambio feito desde nós, enraizando coa mellor tradición da Coruña, esa longa tradición galeguista e progresista”. Francisco Jorquera, candidato á Alcaldía polo BNG, presentou así o primeiro tramo da lista que encabeza, da que xa se coñecían os tres primeiros postos, e que tralo acto desta mañá queda definida até o número catorce, a metade máis un da corporación herculina (27). “Aínda que somos moi optimistas, non escollemos este número que simboliza a maioría absoluta por iso, senón porque pretendemos subliñar a nosa intención de sermos a forza que lidere a política municipal”, sinalou Jorquera antes de remarcar “o perfil social” dunha candidatura integrada por persoas involucradas nos movementos sociais da cidade.

Francisco Jorquera quixo "animar a toda a cidadanía a que participe e se involucre na definición do futuro desta cidade”, e advertiu de que “a desmobilización beneficia a esa Triple Alianza que quere que retornemos a un pasado negro”. O candidato nacionalista insistiu en que o BNG ten como primeiro obxectivo “cambiar a frustración e a decepción provocada por catro anos de actuación do goberno municipal e mudala pola ilusión dun proxecto verdadeiramente transformador que devolva á Coruña o impulso que necesita”.

Ademais de Jorquera, Avia Veira e Mercedes Queixas, nomes que ocuparán os tres primeiros postos da lista do BNG da Coruña, completan primeiro tramo da candidatura Patricia Cordo, membro do comité de empresa de Extel, no número catro; o profesor de Dereito da Universidade da Coruña, David Soto, no quinto; e a actriz Isabel Risco no sexto. Canda eles, o fisioterapeuta e responsábel comarcal de Galiza Nova Alberte G. Nicolás; a enfermeira e portavoz da Xunta de Persoal do Chuac María Seijo; o mariñeiro Xosé Iglesias; o portavoz da Comisión Aberta de Defensa do Común, Ricardo Vales; a profesora Celia Armas; a historiadora e funcionaria da UDC Marisol Miras; a activista Yolanda Naya e Xulio Moskowich, membro do comité de empresa de Alcoa na factoría da Coruña.