Raxoi expón no Foro da Toxa que a corrupción "é un problema de persoas"

Raxoi expón no Foro da Toxa que a corrupción "é un problema de persoas"
Mariano Rajoy e Felipe González no Foro da Toxa [Imaxe: Beatriz Ciscar, Europa Press]
Mariano Rajoy e Felipe González no Foro da Toxa [Imaxe: Beatriz Ciscar, Europa Press]  
Mariano Raxoi e Felipe González participaron coa conversa Tres miradas sobre España no Foro da Toxa esta quinta feira. A corrupción, o "conflito catalán" ou reforma da Constitución centraron as súas intervencións.

Os ex-presidentes Felipe González e Mariano Raxoi amosaron a súa boa sintonía no Foro da Toxa, na illa da Toxa esta quinta feira. “Con matices”, os marcados case sempre por González, os ex-dirixentes opinaron de xeito similar sobre a inestabilidade laboral, a corrupción dos partidos políticos e "os nacionalismos". A súa intervención, co perenne pano de fondo das eleccións estatais, era a “cita máis agardada no foro” segundo a propia organización. 

A pregunta sobre a corrupción nos partidos políticos foi unha das cuestións máis “delicadas”, segundo a propia moderadora. Cuestionados sobre se forma parte do código xenético da política de partidos González e Raxoi responderon negativamente. “A corrupción é un problema fundamentalmente de persoas, non de partidos”, expuxo Rajoy. O Partido Popular ao que pertence Raxoi foi primeiro investigado e citado como persoa xurídica a declarar en democracia durante a investigación da trama Gürtel, se ben o titular do Xulgado do Penal número 31 de Madrid absolveuno.

O ex-presidente aproveitou para sinalar que o seu goberno recibira unha moción de censura “cando non había ninguén condenado por corrupción, investigado por corrupción ou chamado como testemuña por casos de corrupción”. Raxoi, en 2017, foi chamado a declarar como testemuña no caso Gürtel, un dos alicerces da citada moción. Tanto el como González defenderon que outros países “están peor” que o Estado español en canto a niveis de corrupción. “Hai que precisar, dicir que todos os partidos son corruptos é demoledor para a credibilidade da democracia”, afirmou González. 

Solicitada a opinión sobre “o conflito catalán”, tanto González como Raxoi cargaron contra “os nacionalismos” e contra movemento independentista en Catalunya. “Nacionalista é quen afirma que o seu país é o mellor”, expuxo Raxoi. “Entón ti es nacionalista español!”, exclamou González ante os risos da audiencia. González afirmou que a construción das nacións “parte da mitificación da propia historia e da construción dun inimigo imaxinario”. “Os sentimentos de pertenza son respectábeis, dan lugar a culturas e linguas distintas como a galega, a catalá ou a vasca, pero non son dereitos”, remachou. 

A intervención dos ex-presidentes rematou con dúas preguntas: “Aceptarían unha revisión da Constitución?” e “De terse dado a mesma situación en 2015 que o pasado mes de setembro tería tentado levar a cabo unha gran coalición de partidos?”. O desacordo entre González e Raxoi chegou na derradeira pregunta. Ningún aceptaría unha reforma da Constitución e, segundo González, “Raxoi intentaría unha coalición, eu non”.