Rajoy non deixa vía libre a Feijóo: "A día de hoxe, a miña intención é repetir"

Rajoy non deixa vía libre a Feijóo: "A día de hoxe, a miña intención é repetir"
Rajoy e Feijóo na Moncloa
Rajoy e Feijóo na Moncloa  Foto: A Moncloa

Após Rajoy, Rajoy. Esa é a mensaxe que o líder estatal do PP lanzou desde Onda Cero, emisora próxima ao partido conservador. "A miña idea a día de hoxe é intentar repetir".


É certo que a formulación da frase -"intentar repetir"- é escasamente contundente e deixa aberta a porta a opcións alternativas -intentar? e se non consegue o seu propósito? De que depende iso? Mais Rajoy é Rajoy é o seu estilo é ese.

Non é por acaso que a 2 anos aínda das eleccións xerais -que se se esgotar o calendario serían en 2020-, Rajoy avance o seu desexo de recuncar. Non o é polo contexto, caracterizado pola emerxencia de Ciudadanos nos inquéritos após o seu grande resultado o 21D e polo reagromar dos rumores que apontan Feijóo como hipotético relevo do político de Pontevedra.

Nun partido de tradición caudillista como o PP, a vontade do líder de prevalecer non costuma ser posta en entredito e o probábel é que agora aparezan voces do partido a aplaudir esta decisión, entre elas a do propio Feijóo.

Rajoy non parece preocupado coa hipótese de Cs bloquear a discusión dos próximos orzamentos. O presidente do Goberno español afirmou que a el non lle consta que o partido de Rivera condicione o seu apoio ás contas á renuncia da senadora Pilar Barreiro, envolvida na trama Púnica. "Non vou entrar en polémicas con Cs, mais ninguén deste partido me sinalou iso". "Vosté non se preocupe", díxolle ao xornalista, "que haberá orzamentos", concluíu non sen dicer que non ten plano B. Ou sexa, que conta co apoio de Cs e do PNV, embora a formación nacionalista vasca se distanciase da Moncloa pola súa xestión da cuestión catalá.