BERTA ROLDÁN, CANDIDATA NÚMERO 1 DE CXG POR PONTEVEDRA

“Con Raxoi e Sánchez, Galiza non pintou absolutamente nada”

“Con Raxoi e Sánchez, Galiza non pintou absolutamente nada”
Berta Margarita Roldán Pimentel
Berta Margarita Roldán Pimentel  

A pontevedresa Berta Margarita Roldán Pimentel encabeza a candidatura de Compromiso por Galicia para as eleccións xerais. Enxeñeira agrónoma e escritora, traballa como funcionaria na Xunta de Galiza en materia de política agraria. Ponse á fronte de CXG nestas eleccións para dotar o país de “representación política propia por medio dun partido co seu centro de decisión na Galiza”. Responde por correo electrónico o cuestionario formulado por Sermos Galiza.


Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A?

O que nos xogamos, principalmente, é que nesta lexislatura teñamos unha representación propia con centro de decisión en Galiza.

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Mellor que a anterior, polo feito de ser curta. Tanto na etapa de Mariano Raxoi como na de Pedro Sánchez, Galiza non pintou absolutamente nada. Non sei de que se queixa o PP de Galiza ou o PSdeG, botándose a culpa uns aos outros do que non fixeron.

Pedro Sánchez, ao igual que fixera o PP antes, negouse á transferencia da AP9 con desculpas de mal pagador

Nós si sabemos o que fixeron: nada! Bon, algo si que fixo Mariano Raxoi, e foi prorrogar ENCE. Pedro Sánchez, ao igual que fixera o PP antes, negouse á transferencia da AP9 con desculpas de mal pagador.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Primeiro, o desemprego, pois din que se crea traballo pero aquí hai moi pouco emprego e por riba, o que se crea é de baixa calidade. Temos problemas en todos os tramos de idades, nos maiores de cincuenta anos, nos de mediana idade e na mocidade, que é a xeración mellor preparada da historia e ve que non lle queda outra opción que emigrar.

En segundo lugar, o despoboamento. Polo meu traballo teño que recorrer toda a provincia de Pontevedra e en canto te separas un pouco da costa comezas a ver lugares con dez ou quince habitantes, ou no peor dos casos xa ningún. Non hai alternativas serias para solucionalo. Está claro que a xente quedaría se houbese traballo.

Hai que tomar medidas feministas en todos os eidos se queremos reverter a tendencia

O terceiro problema e ligado a nós, ás mulleres, é o déficit demográfico. As mulleres parimos, traballamos, coidamos dos maiores, facemos a casa e o que veña. É normal que a xente nova co traballo que hai pense en non ter fillos. Hai que tomar medidas feministas en todos os eidos se queremos reverter a tendencia.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Aitor Esteban do EAJ-PNV e Cristina Almeida do PCE.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Como pontevedresa, a primeira ten que ser a transferencia da AP-9. Non podo pasar por menos. Logo quedan as outras competencias sen transferir, que hai que seguir loitando por elas.

Como ve as opcións de Compromiso por Galicia na cita electoral?

Desde a volta da democracia a España non houbo, até o de agora, unhas eleccións tan mediáticas. A campaña leva tempo que empezou e estase xogando fundamentalmente nas televisións e nas radios, e un pouco na prensa escrita. Neste escenario so actúan uns cantos e os que eles elixen, que son os mesmos en todos os medios. Así que o poñen moi difícil pero estaremos na loita.