Reábrese a loita contra os eólicos mariños

Reábrese a loita contra os eólicos mariños
Parque eólico mariño ao norte de Europa
Parque eólico mariño ao norte de Europa  

O Tribunal Supremo tomba a sentenza da Audiencia Nacional e autoriza a súa colocación malia a oposición do sector pesqueiro e do Parlamento de Galiza amosada en 2009. 


O 26 de xullo de 2016 o Tribunal Supremo resolveu o recurso de casación interposto pola Avogacía do Estado a respeito do conflito contencioso-administrativo entre a Xunta de Galiza e o Goberno español. No cerne, a autorización por parte do executivo central para a colocación de muíños de vento (aeroxeradores eólicos) nas augas próximas a Galiza. 

Autoriza a colocación destas infraestruturas sempre que se sitúen a 12 millas das augas interiores galegas

Neste senso, o Supremo desestima o recurso do goberno galego e dá a razón á administración central autorizando a colocación destas infraestruturas sempre que se sitúen a 12 millas das augas interiores galegas pois entende que o contrario suporía unha "invasión competencial". 

O caso remóntase ao ano 2009. Na altura, o Ministerio de Industria español dirixido polo socialista Miguel Sebastián publicou un Estudo estratéxico ambiental do litoral español para a instalación de parques eólicos mariños. No mesmo, abordábanse aquelas augas que se habilitaban para a colocación destes parques eólicos, embora con "condicionantes". O estudo contou co rexeitamento frontal do sector pesqueiro e tamén das forzas políticas con representación parlamentar (PP, PSOE e BNG) no seu día. 

Así as cousas, na sentenza o Supremo sinala que o estudo "serve só para a fixación dunhas zonas sobre as que se poderán levar a cabo proxectos concretos" suxeitos aos correspondentes informes de valoración ambiental nos que a administración galega "poderá intervir e dar o seu parecer técnico" polo que rexeita o recurso do executivo galego. 

Na altura, espertaron o interese das empresas enerxéticas Gas Natural e Norvento: o norte do Concello de Foz, o espazo marítimo conprendido entre Cedeira e Valdoviño e a ría de Muros

Zonas susceptíbeis

Os plans do Goberno español debuxaban 72 áreas eólicas mariñas no conxunto do territorio estatal. De entre elas, o 75% das situadas fronte a Galiza eran susceptíbeis da colocación de muíños de vento e tres desas áreas espertaron o interese das empresas enerxéticas Gas Natural e Norvento: o norte do Concello de Foz, o espazo marítimo conprendido entre Cedeira e Valdoviño e a ría de Muros. Sobre elas Industria mesmo iniciara estudos para a elaboración dos informes pertinentes previos á autorización da instalación eólica. 

Sobre esta cuestión a Xunta reclamaba  conversión das zonas consideradas aptas en zonas de exclusión apelando a un informe técnico no que se recolle a importancia do sector pesqueiro para o país e os prexuízos paisaxísticos que carrexaría a instalacións dos aeroxeradores. Porén, o Supremo tamén desestima esta argumentación. 

Así pois, logo de sete anos de conflito xudicial, reábrese a loita.