VITORIA DE TRUMP

Reaccións internacionais: entre a sorpresa, a prudencia e o champán

Reaccións internacionais: entre a sorpresa, a prudencia e o champán
Donald Trump EUA
Donald Trump EUA  

A vitoria do multimillonario republicano colleu co pé cambiado a boa parte dos líderes europeos e mundiais, algún deles con declaracións públicas estes días de apoio a Hillary Clinton (como Hollande e Merkel) ou directamente de rexeitamento a Donald Trump. Coñecida a vitoria do republicano, tocaba recompor a figura e o discurso. Un Jean Claude Juncker, presidente da Comisión europea, que manifestara sen recato o seu apoio a Hillary tivo que saír a falar dos lazos que unen Europa e Estados Unidos e da importancia de que Trump reforce os mesmos. El e Donald Tusk, presidente do Consello Europeo, xa convidaron o novo presidente electo a asistir á cimeira transatlántica.. O presidente da Eurocámara cualificara Trump como “un problema para a Unión Europea e para o mundo enteiro”.

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, parabenizou Trump e confía que entre ambos os dous poidan traballar para “superar” a crise nas relacións entre Estados Unidos e Rusia. Desde China, o goberno amosou a súa confianza en poder traballar co novo goberno para manter un “desenvolvemento estábel e equilibrado” e unha xestión “responsábel” dos posíbeis problemas. O executivo de Corea do Sur, de por parte, confía en que Trump mateña a “liña dura” das anteriores administracións estadounidenses a respecto de Corea do Norte.

Mariano Rajoy, a través do seu tweet, parabenizou o novo presidente e lembrou que Estados Unidos é “un socio indispensábel”. O PSOE, pola contra, falou dunha “vitoria preocupante”.

Theresa May, primeira ministra de Reino Unido, felicitou Donald Trump a través dun comunicado e amosou a súa confianza de que as relacións entre ambos os dous países se fagan máis fortes e estreitas. Hollande, presidente francés, fala de que se abre “un período de incertidume”.

Champán

O presidente do Partido Liberal ruso, Vladimir Yirinovski, convidou os xornalistas a champán para celebrar a vitoria do magnate republicano. Non foi o único que estaba feliza. Marine Le Pen tamén mostrou a súa ledicia polo triunfo de Trump e parabenizou “o pobo americano libre”. Desde o británico UKIP xa se apresuraron a falar de 2016 como “o ano das revolucións: brexit e Donald Trump”.

Non foron os únicos da dereita pura e dura que saíron a parabenizar e aledarse polr esta vitoria de Trump. Un voceiro de Mencer Dourado, o partido grego de extrema-dereita, fala de “vitoria das forzas que combaten a globalización e a inmigración ilegal e está a favor de estados etnicamente ouros”. G. Wilders, do Partido da Liberdade de Holanda, asegura que con esta vitoria “o pobo recupera o país” e FPO (Austria) parabeniza un voto que foi contra a esquerda e o establishment.