ANA PONTÓN, PORTAVOZ NACIONAL DO BLOQUE

"Recuperamos o orgullo de ser do BNG"

"Recuperamos o orgullo de ser do BNG"
Ana Pontón, fotografada no patio interior do Pazo do Hórreo
Ana Pontón, fotografada no patio interior do Pazo do Hórreo  

Hai unha cousa que transmite claramente Ana Pontón: a convicción de que Galiza ten futuro e de que o derrotismo é estéril e reaccionario. Fai dous anos ao fronte da portavocía nacional do BNG, dous anos de vertixe, en plena ofensiva do Estado e as súas terminais políticas, mediáticas e xudiciais contra o soberanismo. Unha batalla que non é só de Catalunya, que atinxe a médula da democracia e que toca tamén Galiza e os seus dereitos nacionais. Está persuadida de que o BNG é unha forza á alza, esa expresión é hoxe un mantra nos seus beizos. E aponta a que o Bloque será a sorpresa nas municipais de 2019.


Combinamos a entrevista a sexta feira, por volta das 11 horas. O argumento básico, os seus dous anos ao fronte da portavocía nacional. Balanzo. Luces. Sombras. Desafíos. Mais vivemos tempos de inusitada dureza e a realidade golpea forte. A realidade encarcera e envía políticas ao exilio. A realidade proscribe ideas, veta a emancipación das nacións. Heille ter que perguntar por esa realidade. Os violentos anos dez de Ataque Escampe viraron furia vesánica, a dun Estado que está a desatar unha onda represiva que nos coloca a un milímetro da tiranía. Era ben que fósemos reaxindo de verdade. Conversamos no seu despacho de portavoz do grupo parlamentar do BNG. Pesa no seu ánimo a gravidade do momento, mais non a vexo vencida. Todo o contrario, véxoa con ganas de dar a pelexa por levantar na Galiza unha alternativa real, unha alternativa de goberno, fronte á forza política que se está a converter nunha auténtica ameaza para a democracia. Fóra dos muros do Pazo do Hórreo zoa o vento da cicloxénese.

-A primeira pergunta que che ía facer é a do balanzo dos teus dous anos de xestión ao fronte da portavocía nacional do BNG, mais a actualidade non dá tregua... estamos todos un pouco conmocionados polos novos acontecimentos de Catalunya e por esa noticia de que Marta Rovira, unha persoa a que ti coñeces ben, marcha tamén para o exilio. Que foi o primeiro que pensache cando o soubeche?

-O primeiro que pensei é que é evidente que estamos vivindo nun estado anti-democrático e que a involución que se está a producir é moi grave. Neste momento xa hai varios políticos que están marchando fóra porque non poden ter un xuízo xusto, cando ademais están a ser imputados por cumprir un mandato democrático e por reclamar vías democráticas para solucionar un debate político. O Estado está a mostrar a súa cara máis dura na súa deriva anti-democrática. E non podemos esquecer que todo isto se fai coa complicidade das institucións europeas e de todos os países da nosa contorna. É un sinal de alarma que debe levarnos a todos os demócratas a saírmos á rúa a defender o máis básico, a democracia, a liberdade de expresión e o dereito a defender através de vías pacíficas que é posíbel mudar o statu quo. É demoledor o que vivemos. E aínda que afecta dunha maneira máis crúa a políticos cataláns soberanistas tamén está a afectar outros moitos sectores sociais. Estamos a ver o que pasa coa liberdade de expresión no ámbito da cultura, como se están a encarcerar persoas por poñer un tuit, como se perseguen sindicalistas... Hai unha onda, un terremoto anti-democrático, e sería importante que todos os demócratas -con independencia de cal sexa a nosa militancia política- désemos un sinal de alerta e que a sociedade respondese perante unha involución que mete medo. De Catalunya tamén me preocupa que sexan capaces de pór en marcha un Govern neste momento, cumprindo o mandato das urnas. Todas as forzas políticas deberían abandonar o curto-pracismo porque é moito o que hai en xogo neste momento en Catalunya, e non só para Catalunya senón para todas as persoas que arelamos un cambio de réxime.

-Cando comezou todo isto, ti calculabas que a reacción do Estado fose ser tan bestial? Porque está a ser bestial, non sei que máis poden facer...

IMG_0333

-Ben, na vía represiva o Estado español sempre pode ir a máis. Xa hai propostas sobre a mesa para ilegalizar ideas; para ilegalizar partidos políticos que queiran mudar o marco político actual, que defendan o dereito de autodeterminación. A involución aínda pode ir a máis. Levamos varias décadas no Estado español nesta deriva e agora está no ponto álxido.

-A reacción no que é propiamente España, digamos, tamén é bastante preocupante. Digo porque todas estas accións o tripartito do 155 (PP, PSOE, Cs) non só non as condena, senón que as aplaude. E logo vemos que eses tres partidos nas enquisas reúnen conxuntamente case 70 por cento do voto no estado. Quero dicer que hai unha opinión tamén en España que practicamente está a aplaudir o que está pasando.

-Ás veces teño a sensación de que vivimos nun estado en que hai unha opinión secuestrada. Temos un aparello mediático que condiciona moito os debates, que estabelece un marco do ponto de vista do contraste das ideas en virtude do cal unha grande parte da sociedade só ten unha versión, non hai contraste real, e iso é unha limitación importante. Aquí batemos co talón de Aquiles que sempre tivo e ten a esquerda española, o feito de que non sexa capaz de aceitar o dereito de autodeterminación. E esa cegueira, con tal de lle dar un cobadazo ao nacionalismo, é a que os está a levar a alimentar a dereita no estado español. Os sectores intelectuais e políticos de esquerda no estado teñen unha grande responsabilidade en todo o que está pasando. Están a ser cómplices coa dereita. Puxeron do revés o lema dos anos 30 e prefiren unha España de dereitas antes que unha España rota.

-Esoutro día entrevistei Pérez Royo, un dos xuristas españois máis reputados, e vino bastante desesperado. Argumentaba que, tal e como estaban as cousas, e despois do que cualificaba como golpe de estado do Constitucional contra o autogoberno catalán e a democracia española, desde o dereito non había neste momento nada que facer para saír desta situación. E desde a política?

-Este é o momento da política e da política con maiúsculas. Para comezar, as forzas soberanistas catalás teñen unha responsabilidade. Deben xestionar un resultado electoral en que obtiveron unha maioría e nese sentido fago un apelo a que haxa capacidade para reconstruír ese espazo de unidade porque é chave para o procés poder ter visos de seguir adiante nos próximos anos. Teñamos en conta que de se repetir as eleccións os resultados poderían ser moi incertos e mesmo pode abrirse un cenario que lle dese novas expectativas ás forzas do 155. Iso sería moi preocupante. É o momento de pór en marcha a política de verdade. Ten que haber unha solución pactada ante unha demanda expresada por parte do pobo catalán. Sería desexábel que todas as forzas de ámbito estatal asumisen o principio de que o estado español é un estado plurinacional, que as nacións teñen que ter recoñecido o dereito de autodeterminación e que iso fose a base dun acordo que desbloquease esta situación e que abrise unha porta  á democracia. Non podemos esquecer que estamos a falar de dereitos fundamentais que están consagrados pola propia organización das Nacións Unidas.

IMG_0281

-O que está claro é que a grande cuestión que está plantexada no estado español, hoxe como nos anos 70 do pasado século, como en realidade durante toda esa centuria, é a cuestión nacional. E aí Galiza continúa a ter unha voz moi pequena, un fío de voz, case non se escoita.

-Bon, temos unha voz importante... Evidentemente vivimos uns anos en que o nacionalismo -e nese período claro que se cometeron erros- tivo un retroceso do ponto de vista eleitoral. Iso non se pode negar. Mais o propio feito de continuar a manter en pé a defensa de Galiza como nación, a reivindicación dos nosos dereitos nacionais, que son chave para blindar os dereitos sociais no noso país... O feito de que continúe existindo un movimento nacionalista no país é un motivo de esperanza. Falamos dun movimento que ten unha parte sindical moi forte e unha parte política que está á alza e que, do ponto de vista organizativo, ten unha implantación moi relevante. Estou certa de que nos próximos anos imos continuar a ensanchar a base social e eleitoral do nacionalismo. Fóra de derrotismo, Galiza é un país cunha conciencia nacional moi forte e cun problema histórico por resolver, como facer para que esa conciencia se traduza no plano eleitoral. Niso temos nós que ver como traballarmos para facermos avanzar o nacionalismo. Do que si estou absolutamente segura é de que existen condicións obxectivas para que o proxecto do BNG avance. Se facemos ben o traballo nos próximos anos podemos darlle a volta á tortilla nun tempo non tan lonxano.

-O que si está claro é que non axuda ter un presidente da Xunta que máis que titular do goberno galego parece que é o candidato dunha corrente do seu partido para suceder Rajoy.

-Temos Galiza secuestrada pola ambición persoal e política de Feijóo. Que responde a un esquema que non é novo. O de políticos que utilizan o país para medraren eles persoalmente. O grave é que a situación do ponto de vista social e económico se está a deteriorar moito e detrás desa deterioración está esa subordinación a todos os intereses do PP por parte de Feijóo que resulta en que Galiza non teña voz nos grandes debates. Aí tamén temos que pór máis o dedo nesa chaga e ter máis capacidade para dar ese debate co conxunto da sociedade, a pesar de que non sexa nada fácil facelo dado o marco mediático en que nos movemos.

IMG_0280

-Mais continúa a haber sectores importantes do poder, dos poderes fácticos galegos, que consideran que o mellor para este país é ter alguén na Moncloa.

-A historia demóstranos que esa tese é falsa. Hai un presidente galego [Rajoy]. Unha presidenta no Congreso con residencia galega e que se apresenta por Galiza [Ana Pastor] . E unha maioría absoluta do Partido Popular. E durante todo este tempo nada diso foi un plus para o país. Ao contrario, estamos vendo que o goberno do Estado nos deu labazada após labazada nestes últimos anos. Retrásanse de novo as obras do AVE, exclúesenos do corredor atlántico de mercadorías, demandas como poder beneficiarnos da produción da enerxía eléctrica receben un portazo, somos o lugar do estado ao que máis se lle soben as peaxes, seguimos tendo un problema grave coa situación das nosas rías, temos unha sangría coa emigración. Non vexo que lle achegou a Galiza esa presenza de políticos galegos en Madrid, máis ben ten efecto narcótico.

-[Risos]. Falando de Feijóo...

-[Risos]. Si, si, teñen un efecto narcótico, porque onde vemos que o Estado vai continuar a se envorcar economicamente é outra volta en Catalunya e no Mediterráneo. Polo tanto, está claro que para que te respeiten teste que facer respeitar. Cando na Galiza o presidente nunca está disposto a dar ningunha batalla para defender nada que nos interese a nós como país, pois temos a situación que temos, aínda que o relato mediático oficial sexa outro.

-En todo caso, a dereita galeguista no seo do PP nen está nen aparece.

-Pode haber algunha excepción que confirme a regra, mais estamos perante un PP que realmente representa unha entrega total de Galiza a Madrid. O seu proxecto político é o da subordinación [dío con énfase]. Durante todos estes anos vimos como Feijóo apresentou como triunfo que Galiza non se sumaba ao debate que as nacións abrían no estado, cada quen desde o seu ámbito. Os cataláns coa súa estratexia, desde Euskadi coa súa estratexia... El sempre apresentou a sumisión de Galiza como o trofeo que lle entregar a Rajoy neste momento. Iso é demoledor para o país porque en termos económicos, políticos e de futuro fainos perder oportunidades. Hai un reposicionamento xeral, estamos nun momento clave, e vexo que imos continuar a perder posicións. Xa perdemos as caixas, imos perder no debate do financiamento e claramente imos perder no debate de como se reconfigura o poder no estado. Se non mudamos a dinámica política do país, aquí si que vai haber un novo agravio. O meu prognóstico é que Galiza, se continuarmos polo mesmo vieiro, va ficar absolutamente marxinada nun deseño centralista do estado.

-Deixemos que a actualidade non continúe a atropelarnos e botemos un chisco a vista atrás. Fas agora dous anos como portavoz nacional do BNG. Que balanzo farías deste período?

-Sen ser autocompracente, temos que ser sempre inconformistas, e temos motivos abondo para o sermos, si que penso que nestes dous anos conseguimos cousas importantes. Para min a máis relevante é que recuperamos o orgullo de ser do BNG e recuperamos a credibilidade e o prestixio do nacionalismo galego, reputación que algúns tentaron estragar no pasado. Nestes dous anos conseguimos xerar unha corrente de ilusión e de confanza arredor do BNG, temos unha organización sólida e unida e cun proxecto claro e estamos á alza. Todo isto son boas noticias porque pasamos moitas etapas en que o diagnóstico era xusto o contrario. 

IMG_0309

-Ser portavoz nacional é como esperabas que ía ser?

-Ben, non tiña moi claro como ía ser [risos]. Non tiña unha expectativa determinada. Si que pensei que ía ser máis difícil estar no ponto en que estamos agora, porque as expectativas que tiñamos eran realmente de nubes moi negras no noso horizonte; hoxe, en cambio, esas nubes xa non están e o que vemos é luz nese horizonte. Si que non era consciente do nivel de sobrecarga que implica ser portavoz nacional e sobre todo esa exposición pública permanente que fai que perdas unha parte da túa privacidade e unha parte dos teus espazos persoais. Para min é clave ter un equilibrio entre as cousas que fago, a vida persoal, a vida familiar, a vida política. Buscar ese equilibrio ás veces é moi complexo porque acabas tendo un desgaste persoal importante. Pero, ben, estou contenta, eh! [risos]. Sen crer para nada que todo é perfecto, porque hai moitas cousas en que traballar para mellorar, estou contenta coa xente coa que traballo, tanto na executiva como no parlamento. Iso faime ollar para o futuro con optimismo, sendo consciente das dificuldades.

-Unha portavoz nacional muller e feminista...

-Era necesario xa.

-...nunha estrutura, como todas as políticas, bastante dominada polos homes. Houbo resistencias nalgún momento? Notache algún tipo de prexuízos?

-O machismo, o patriarcado, enchoupa todo. Enchoupa a sociedade e tamén as organizacións políticas. En todo caso, no BNG hai xa máis de dúas décadas que se introduciu o feminismo como un dos principios definidores do noso corpo ideolóxico, e grazas a debates protagonizados por mulleres. Evidentemente hai moito paternalismo, non o diría tanto pola organización como pola sociedade... É certo que cando foi o debate sobre o cambio de portavocía si que había moitas voces no BNG que pensaban que era chegado o momento en que unha muller fose a cara visíbel da organización. E, ben, foi o que fixemos colectivamente. En fin o tempo dirá se se acertou ou non.

-Unha cousa: portavoz ou portavoza?

-Eu creo que son portavoz. O debate sobre unha linguaxe non sexista é moi interesante e por suposto non criminalizo ningunha forma de dalo. Eu sería secretaria xeral, pero como nós non temos ese cargo, pois son portavoz nacional. É en parte unha cuestión filolóxica. Dito isto, claro que temos que buscar un uso da linguaxe non sexista, aínda que neste caso [a proposta de Irene Montero de usar portavoza no canto de portavoz] filoloxicamente talvez non se acertase coa forma concreta de dar o debate.

-Dous anos despois da túa chegada á portavocía, dirías que continúa a existir o que se cualificou no seu momento como o efecto Pontón?

-Eu como comprenderás... éme difícil xulgar iso. Si sei que existe un efecto BNG, miles de militantes que traballan, que defenden este proxecto, as persoas que están nas institucións, ou ben no goberno ou ben na oposición. O que me gustaría máis é que houbese un afecto e que construamos desde os afectos porque iso si que me parece revolucionario na política e na sociedade.

IMG_0271

-Alén de renovar a dirección, durante estes anos, o BNG tivo tamén un proceso de reflexión sobre si propio, primeiro falouse de refundación, despois de relanzamento. O propósito era identificar os erros que se puideron cometer no pasado. Que prácticas se mudaron neste tempo?

-Construímos un novo tempo dentro do BNG, mais sempre a partir dunha experiencia de 35, 36 anos, desde a asemblea de Riazor. Estou moi orgullosa de todo o que ten feito o nacionalismo no país ao longo destas décadas. Mais é evidente que toda forza política ten que se renovar e penso que si fomos quen de resituarmos o discurso do BNG do ponto de vista da súa identificación inequívoca cun proxecto nacional. E esta si era unha cuestión importante. Durante moitos anos houbo un debate interno de fondo no BNG porque había xente que pensaba que o Bloque non tíña que ter un proxecto nacional cos seus centros de decisión na Galiza, senón que debía ir na dirección da súa confluencia coa esquerda española. Aínda que nunca agromou explicitamente dentro da organización, ese era o debate realmente de fondo. Ese debate conseguimos fechalo, ancorando con clareza o proxecto político do BNG, isto é, somos unha organización galega, Galiza é unha nación e representamos ese nacionalismo emancipador que necesita este país para mellorar a vida da xente e para desenvolver todo o potencial que temos. Ancorar iso foi moi importante. E logo hai unha segunda cuestión que tampouco é menor e é que se deu un relevo xeracional dentro do BNG. Si que en algún aspecto ese relevo foi un pouco traumático, talvez noutro contexto poderíamos telo feito doutra forma, mais era necesario.

-Nese proceso as e os cincuentóns sofren?

-[Risos] Home, cincuentóns algúns temos, temos algúns cincuentóns na executiva. Tampouco quero dicer aquí a idade das persoas da dirección [máis risos]. Pero, a ver, houbo un proceso de renovación xeracional. Hai xeracións distintas, unha mudanza importante. Tal vez poda ter habido sectores dentro da organización que non o vían así tan claro, mais socialmente o relevo xeracional que fixemos si que foi algo que conectou co que moita xente lle estaba a pedir ao BNG. Teño esa sensación polo que vou eu palpando. Conseguimos tamén neste tempo perfilar mellor un proxecto transformador que ten alternativas para os problemas concretos do país, fuxindo das abstraccións. Un proxecto que se complementa cun deseño estratéxico máis a medio prazo. Modestamente creo que non son logros pequenos. Na última asemblea nacional utilicei a metáfora do efecto bolboreta. Un pequeno cambio que parece que non ten moita trascendencia realmente acaba significando unha transformación moito máis forte do que en principio se podía agardar. Iso é en parte o que fixemos estes dous anos. 

-Hai un maior esforzo por adaptarse ao grao de conciencia que hai na sociedade?

-Esa foi unha das reflexións máis relevantes que fixemos estes anos, ao longo de todos os debates que demos. A necesidade de sermos moi firmes nos nosos principios, mais á vez a necesidade de sermos quen de explicarmos á sociedade as nosas ideas, para que nos acompañen no proceso. Esa é unha das máximas que en política é fundamental. Se non tes pobo que te siga tes un problema.

-No horizonte próximo o desafío máis inmediato no plano eleitoral son as municipais. Aí o BNG xa anunciou que antes do verán estarán eleitas as candidatas e os candidatos das sete cidades. Falache dalgunha sorpresa nos números un. Que cabe agardar? Algunha fichaxe escintilante, aterraxe de persoas independentes?

-As sorpresas, se se adiantan, deixan de ser sorpresas. A sorpresa fundamental vaina dar o BNG. Somos, repito, unha forza en ascenso e a tradución diso ímola ter nas eleccións. As municipais son relevantes porque queremos transformar Galiza desde os concellos, e queremos ter unha sólida base de apoio nesa rede nacionalista a nível municipal, mais tamén son o primeiro paso para poder producir o cambio político que necesita Galiza. Desde o BNG ímonos apresentar con toda a disposición a liderar esa mudanza necesaria.

IMG_0288

-Nunha recente entrevista na SER anunciabas mudanzas nas cabezas de lista de Vigo e Ourense. Quer isto dicer que nas outras 5 cidades vai haber continuidade?

-Non, o que quer dicer é que está claro que en Vigo e en Ourense vai haber novos candidatos e candidatas. No resto haberá continuidade e nalgúns casos tamén creo que imos renovar as cabeceiras das listas, pero en todo caso este é un proceso, e agora no que estamos é en criar equipas, en deseñar ideas, en explicar á sociedade o noso proxecto, en construír en común con diferentes sectores sociais... e dese traballo ten que saír quen son as mellores persoas para encarnar o proxecto. Temos que mudar un pouco o guión de como construímos as candidaturas nas municipais. Parece que o grande problema é quen vai encabezar, quen van ser as persoas que van na candidatura, cando  o importante é sabermos cal é o proxecto que imos desenvolver.

-As municipais, xa o avanzache ti, terán inevitabelmente un certo ar de primarias das galegas, axendadas para 2020. A aritmética é a que é. Está claro que unha alternativa ao PP en Galiza pasaría por unha conformación tripartita. Nese sentido vouche pedir que me fagas unha pequena reflexión sobre como están as outras forzas da oposición, a comezar pola que en voto popular ficou en 2016 como a segunda candidatura con máis apoios, En Marea.

-A ver, neste país o PP sempre está disposto a facer oposición da oposición. Digo isto porque calquera avaliación que fagas doutra forza política sempre poderá ser utilizada polo PP para debilitar precisamente a posibilidade de construír unha alternativa que, coincido, ten que ter tres patas porque se non é imposíbel. Respeito sempre as outras forzas da oposición, quer o PSOE quer En Marea. Teño discrepancias e diferenzas políticas con elas, pero estou convencida de que é importante que teñamos capacidade para chegar a acordos se o PP perder a maioría absoluta. E iso temos que facelo non só nas galegas, senón tamén nas eleccións municipais. E, ben, eu vexo que na Marea hai neste momento certos problemas internos e o que desexo é que sexan capaces de superalos.

-Nese sentido, e en relación coas experiencias alternativas aos gobernos do PP, o BNG co-goberna neste momento institucións relevantes co PSdeG. Que balanzo fas deses gobernos?

-Neses gobernos o que se ve é que o cambio real vén da man das propostas e compromisos de transformación que pon en marcha o BNG. Iso vese de forma quizá máis clara, por ser máis novidoso, na orientación diferente que se deu durante estes anos ao papel das deputacións. O baleiramento das deputacións através dos planos únicos -que lle dan moito menos marxe de discrecionalidade ás propias corporacións provinciais na relación cos concellos- é un modelo a partir do cal traballar para democratizar unhas institucións que no horizonte deberían desaparecer. O noso obxectivo é suprimilas, mais, mentres existan e teñamos a posibilidade de as transformar desde dentro, si penso que é moi importante esa ruptura con esa dinámica caciquil que se instaurou desde que se estabeleceron as deputacións, dinámica que o PP levou á máxima expresión.

PSOE e BNG somos proxectos políticos moi distintos, mais temos capacidade para chegarmos a pontos de encontro, aínda que ao PSOE lle custe asumir que ten que consensuar e que non é o mesmo gobernar en maioría do que gobernar en coligazón. En todo caso, son gobernos que están a funcionar ben e neles a achega do BNG é ser o motor dos cambios transformadores que se están a impulsar desde esas institucións.

IMG_0319

-Imos rematando. Falamos aquí no Pazo do Hórreo, unha institución mediaticamente ben opacada. Realmente apenas trascenden os seus debates. O que máis impacto ten é a sesión de perguntas ao presidente. Cando a vexo sempre me fago a mesma pergunta, tan difícil é que Feijóo conteste ao que se lle pergunta?

-Os debates no Parlamento son sempre desiguais. Quen ten a última palabra sempre pode deixar para a quenda final moitos argumentos que requerirían unha contestación. Nese sentido eu o que vexo é que Feijóo é un presidente moi débil na súa argumentación porque foxe realmente do corpo a corpo e sempre aproveita as súas intervencións para ás veces insultar, faltar o respeito ao persoal, non sei... é unha maneira de actuar en política que nin me gusta nin me achega nada, pero estamos vendo que o seu ego medra e que canto máis medra o seu ego, máis medra a soberbia e o desprezo cos que trata a todas as persoas que pensan diferente del. E non só aquí no Parlamento. Levamos unha lexislatura en que vemos que non respeita a cidadanía galega porque non respeita este Parlamento. É unha falta de respeito á democracia que un presidente non renda contas cando se lle pergunta nun Parlamento porque é unha obriga que está estabelecida no propio marco legal. A súa actitude prepotente é un síntoma máis da deriva anti-democrática na que estamos e da súa falta de respeito ao país. Digo isto último porque estou convencida de que o tipo de intervencións que fai desde esta tribuna nunca se atrevería a facelas no Congreso dos Deputados, absolutamente convencida. Afortunadamente o papel da oposición vai moito máis alá dunhas perguntas a Feijóo que en moitas ocasións serven, en todo caso, para pór de manifesto a manifesta incapacidade do presidente da Xunta para poder contra-argumentar as críticas que se lle formulan.

-Esa diferenza de actuación entre o que se permite o luxo de facer aquí e non faría no Congreso dos Deputados talvez teña a ver con que Feijóo goza dunha blindaxe mediática da que nin sequera Rajoy dispón en Madrid.

-Ese é un factor que inflúe dunha maneira decisiva. Eu sempre convido a todo o mundo a que vexa as sesións e logo lea os titulares.

Todas as fotografías desta entrevista son da autoría de Laura R. Cuba.