Feixoo aproveita a remodelación do goberno para recuperar a consellaría de Cultura

Feixoo aproveita a remodelación do goberno para recuperar a consellaría de Cultura
San Caetano, sede da Xunta
San Caetano, sede da Xunta  SG

A marcha dos conselleiros José Manuel Rey e Bea Mato para concorrer nas municipais de Ferrol e A Coruña abre a porta a mudanzas no executivo: novas caras e reestruturación de consellarías.


O presidente da Xunta asinou esta cuarta feira os decretos polos que se modifica a estrutura do goberno galego e nomea novas conselleiras e conselleiros. Unha decisión que se produce após a decisión de dous conselleiros, José Manuel Rey e Bea Mato, de deixar os seus cargos para disputar as municipais por Ferrol e A Coruña, respectivamente.

A remodelación  implica a creación dunha Consellaría de Cultura e Turismo que dirixirá Román Rodríguez González. Pola súa banda, Carmen Pomar Tojo será a nova conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional.

A Consellaría de Medio Ambiente e Territorio incorpora as competencias de Vivenda, e será dirixida por Ángeles Vázquez Mejuto. Pola súa banda, Ethel Vázquez Mourelle estará á fronte de Infraestruturas e Mobilidade, departamento que asumirá as competencias en materia de Auga.

Así mesmo, Fabiola García Martínez dirixirá a partir de agora a Consellaría de Política Social, e José González Vázquez será o novo conselleiro do Medio Rural.

Os novos membros do Goberno tomarán posesión do cargo esta quinta feira no Pazo de Raxoi ás 10.00 horas.

Os novos conselleiros


Carmen María Pomar Tojo (Compostela,1970). Licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Santiago, Desde o 2003, profesora no Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade de Santiago, exercendo a súa docencia nas Facultades de Educación e de Psicoloxía desta universidade. Directora da Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago dende 2009 e directora de proxectos de atención educativa no campo da optimización do talento.


Fabiola García Martínez (Ribeira, 1985). É licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Até a actualidade e desde decembro de 2016 era directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade na Consellaría de Política Social. Desde xuño de 2015 foi primeira tenente de alcalde do Concello de Ribeira, ademais de concelleira delegada de Administración, Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Promoción e Dinamización Económica e Cultura.

José González Vázquez (Ourense, 1970) É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Desde 2016 é deputado no Parlamento de Galiza.



x