ACTO EN POIO

A anulación do xuízo a Bóveda, entre as reivindicacións do Día da Galiza Mártir

A anulación do xuízo a Bóveda, entre as reivindicacións do Día da Galiza Mártir
De esquerda a dereita, o neto de Bóveda Valentín García Bóveda, o activista pola memoria Telmo Comesaña; a filla de Bóveda, Amalia Bóveda; a deputada provincial de Memoria Histórica, Remedios Ortega; a concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o de Poio, Luciano Sobral, e a portavoz nacional do BNG Ana Pontón. Foto: cedida.
De esquerda a dereita, o neto de Bóveda Valentín García Bóveda, o activista pola memoria Telmo Comesaña; a filla de Bóveda, Amalia Bóveda; a deputada provincial de Memoria Histórica, Remedios Ortega; a concelleira de Cultura de Poio, Raquel Rodríguez; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o de Poio, Luciano Sobral, e a portavoz nacional do BNG Ana Pontón. Foto: cedida.  

A portavoz do BNG, Ana Pontón, participou na homenaxe que lle rendeu o Concello de Poio a Alexandre Bóveda e reclamou declarar oficialmente o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir. En Marea, pola súa banda, reivindicou a creación dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo.


A Caeira, en Poio, acolleu unha ano máis a homenaxe a Alexandre Bóveda, nun dos actos centrais que teñen lugar con motivo do Día da Galiza Mártir. Participou del Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, que reclamou “verdade, reparación e xustiza” para as vítimas da represión franquista. Exixiu declarar oficialmente o 17 de agosto Día da Galiza Mártir e que, en consecuencia, a Xunta de Galiza o conmemore como tal.

Pontón, que estaba acompañada dun nutrido grupo de representantes do BNG, entre eles do deputado Luís Bará, do alcalde de Poio, Luciano Sobral, e do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, propuxo unha lei de memoria histórica propia de Galiza que aposte en “anular os xuízos franquistas” e a devolución de todos os bens espoliados polos franquismo. Lembrou que a ONU “defende que non pode existir unha lei de amnistía ou punto final para crimes contra humanidade”.

A portavoz nacional do Bloque salientou o legado de Alexandre Bóveda e criticou que durante dez anos “a achega do goberno de Núñez Feixoo fose cero euros para a recuperación da memoria histórica mentres destinaba máis de sesenta mil euros á familia Franco  para converter o Pazo de Meirás nun centro de apoloxía do fascismo”.

Pontón lembrou que Bóveda “entregou a súa vida por Galiza” e que foi “un dos artífices do nacionalismo a través do galeguismo na Segunda República”. “A pesar do tempo transcorrido hai algo que non mudou: a necesidade do nacionalismo ante a crise do réxime”. “Día a día, as forzas estatais están a demostrar  que non contan“cunha axenda galega nin atenden ás necesidades de Galiza”, agregou.

En Marea acusa de falta de valentía ao PSOE e de vontade política ao PP

foto7 (2)Tamén participaron do acto en Poio membros da villarista En Marea, como o parlamentar do grupo Mixto Pancho Casal. O partido aproveitou para exixir nunha nota de imprensa a fin da impunidade do franquismo e lamentou que ao Partido Socialista lle faltase “valentía para aplicar plenamente a Lei de Memoria Histórica”. Cargou contra o PP por “faltarlle vontade política, porque se senten herdeiros dos que espoliaron os bens que eran do pobo”.

En Marea volveu solicitar a creación dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo e instou o Goberno español a localizar e exhumar todas as persoas que nestes momentos están enterradas en fosas e gabias, “dándolles unha sepultura digna”. Demanda tamén “a anulación de todos os procesos e xuízos franquistas de carácter político, comezando polo de Alexandre Bóveda e a seguir, todos os demais”.

Tamén tomou parte do acto institucional que decorreu en Poio o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez.

Os Bóveda na Caeira

Na homenaxe tamén interviron a única filla viva de Bóveda, Amalia, e mais o neto do galeguista, Valentín García Bóveda. Este agradeceu a asistencia ao acto, "cada día máis plural, social e politicamente falando". Para García Bóveda, isto supón que "os anceios cos que esta conmemoración naceu no exilio están a ser cumpridos".

"Neste mundo ás carreiras", engadiu, "ás veces esquecemos a importancia de cousas así. Os fusilados, os fuxidos, as represaliadas e demais só atesouraban neses intres unha única esperanza, que algún día a democracia por vir habíase lembrar deles. Mais esta chegou da man do esquecemento". Non obstante, sinalou o tamén vicepresidente da fundación que leva o nome de Alexandre Bóveda, "o obxectivo da entidade está cada vez máis preto": a institucionalización oficial do Día da Galiza Mártir.

Nota: esta información foi ampliada o 19 de agosto de 2019.