PRIMARIAS EN MAREA

Os resultados definitivos confirman a vitoria de Villares por 20 puntos de diferenza

Os resultados definitivos confirman a vitoria de Villares por 20 puntos de diferenza

O sector crítico empeza a marcar distancias coa formación. O portavoz de En Marea pídelles que "escoiten" o que as bases expresaron nas primarias.


O comité electoral de En Marea confirmou na noite desta cuarta feira o que xa indicaban os resultados provisionais: a vitoria da candidatura de Luis Villares, Coidando a Casa, por 20 puntos sobre a lista presentada polos críticos, Entre Todas. Os resultados definitivos das eleccións ao Consello das Mareas indican que Coidando a Casa gañou as eleccións con 59,24% dos votos (1.596), mentres que a encabezada por David Bruzos obtivo 40,76% (1.098) dos sufraxios, nunhas eleccións nas que a participación foi case de 56% (2.694) das persoas inscritas que tiñan dereito a voto (4.877).
 

Dende o comité electoral incidiuse de novo en que o proceso desenvolveuse sen incidencias de consideración, e as que houbo foron resoltas. "Non se produciu nin unha soa queixa sobre a posibilidade de que se puidera dar suplantación de identidade nestas votacións e o sistema utilizado caracterizouse pola súa seguridade".
 

Proclamados os resultados definitivos, o sábado 29 constituirase o Consello das Mareas. Verase aí se os críticos se presentan para tomar posesión dos 14 postos que lle corresponden (por 21 do sector oficial).


"Que escoiten"

O portavoz de En Marea, Luís Villares, instou na tarde desta cuarta feira o sector crítico a que escoite "o mandato claro" que as bases expresaron nas primarias. "Neste momento o que toca é escoitar o que dixeron os inscritos con bastante claridade: un mandato claro de fortalecer un proxecto político grande, non unha suma de siglas", dixo en declaracións aos xornalistas.

Villares instou os críticos a abrir un período de "reflexión" porque "ninguén entendería" unha escisión. "O camiño é a unidade para fortalecer aquilo que temos en común".

Distancia


Mentres o sector crítico comeza a marcar distancias con En Marea. Esquerda Unida xa o fixo antes das primarias ao decidir non participar nas mesmas por entender que non había "garantías democráticas". Os órganos de dirección de Podemos Galiza van reunirse nos vindeiros días para analizar o escenario post-primarias e non poucas voces apontan a que a formación morada non está por seguir acumulando na dinámica interna de En Marea.


Os alcaldes de Compostela e A Coruña xa anunciaron que ían centrar o seu traballo político no eido local porque as mareas municipalistas son a "esperanza" do proxecto da chamada unidade popular. Martiño Noriega, nunha entrevista na Cadena Ser, afirma que á marea compostelá tócalle agora "hibernar" dun espazo político a nivel galego que ve afastado do "proxecto orixinal" da chamada unidade popular, que cre agora centrado en "lecturas de parte". "Non é un drama, pero é unha liña diferente á que se marca desde 2012", indicou.


Xulio Ferreiro afirmou que ""hai meses puxen moito esforzo en que En Marea fose un instrumento útil para Galiza, pero hai que saber o lugar que ocupa un e deixar que outros leven as cousas".