MUNICIPAIS 2015

A retirada de Podemos frustra as candidaturas cidadás en Vigo

A retirada de Podemos frustra as candidaturas cidadás en Vigo
Presentación pública da Marea de Vigo o pasado setembro [Foto: VIGOdixital]
Presentación pública da Marea de Vigo o pasado setembro [Foto: VIGOdixital]  

A Marea de Vigo, apoiada por EU e Anova, é a única das 5 plataformas xurdidas na cidade que tería asegurada a súa candidatura para o 24M. A formación que lidera Pablo Iglesias anunciou que non apoiarán ningunha.


En Vigo xurdiron até 5 plataformas cidadás diferentes nos últimos meses

As mareas, candidaturas de unidade popular e novos fenómenos electorais de corte cidadá ao marxe das estruturas partidarias xa coñecidas, son unha opción emerxente a nivel de Estado. En Galiza foi nas principais cidades onde xermolaron. Vigo salientou pola súa enorme efervescencia. Na cidade olívica promovéronse até 5 plataformas cidadás diferentes: Marea de Vigo, Gañemos Vigo, Decidir Vigo, Somos Maioría e Vigo en Común. De todas elas só a Marea, vertebrada por Esquerda Unida e Anova, ten opcións reais de se presentar ás eleccións do 24 de maio. A decisión de Podemos de non apoiar ningunha candidatura apunta a frustrar as restantes plataformas.

A menos de cen días dos comicios municipais, o mapa electoral vigués comeza a se clarificar. A finais de 2014 as únicas candidaturas confirmadas eran as do actual rexedor, o socialista Abel Caballero, a do BNG encabezada polo sindicalista Serafín Otero e a de Compromiso por  Galicia, da man do ex-socialista Miguel Barros. Hai poucas semanas Alberto Núñez Feijóo puña fin a incerteza nas filas populares. O presidente do PPdeG desbotaba o actual voceiro municipal, Jose Manuel Figueroa, a pesar da súa intensa campaña interna para se candidatar e apostaba na conselleira Elena Muñoz como cabeza de cartel para a principal urbe galega.

Podemos non se presenta

Podemos Vigo anunciou que non apoiarán a ningunha plataforma

Mais a pedra de toque do mapa electoral foron durante todos estes meses as posíbeis mareas ou candidaturas cidadás. Ante o xurdimento de varios manifestos diferentes, dúas eran as principais dúbidas: cal ía ser a posición de Podemos, a quen se consideraba un apoio chave pola súa proxección nas enquisas, e se estas iniciativas serían capaces de confluír nunha única candidatura.

A primeira pregunta recibía esta mesma semana unha inesperada resposta. A través dun comunicado público Podemos Vigo anunciaba esta sexta feira que non apoiarán “a ningunha plataforma nas próximas eleccións municipais”. O Consello Cidadán da organización en Vigo adoptaba esa determinación logo de que a consulta realizada entre os e as súas 3.000 persoas adheridas non lograse o limiar de participación mínimo do 10%. Catro eran as opcións a votación. Non se presentar, apoiar a Marea, apoiar a Vigo en Común ou constituír unha candidatura propia baixo a fórmula de agrupación de electores. A masiva abstención puña fin á carreira municipal de Podemos en Vigo na que apostaban os seus principais dirixentes.

Marea con augas de AGE

Despexada a incógnita Podemos, que posibilidades hai de confluencia entre as diferentes plataformas? Poucas, por non dicir ningunha. Logo de intensas roldas de contacto, de aproximacións e distanciamentos, a integración non parece posíbel.

A Marea non logrou os 3.000 apoios que cifraran como mínimo para se candidatar

A Marea de Vigo foi a primeira das iniciativas en xurdir e a única que parece con posibilidades certas de concorrer con papeleta propia. Presentada oficialmente o 12 de setembro de 2014, contou desde o primeiro minuto co indisimulado apoio de Esquerda Unida e do sector maioritario de Anova en Vigo. Malia xerar unha importante expectación viviu os últimos meses sumida nun impasse que mesmo ameazaba con frustrar o seu lanzamento electoral. A Marea non logrou acadar os 3.000 apoios que se fixaran como mínimo para promover a candidatura. Arestora, o seu manifesto só recibiu 2.200 adhesións, incluídos apoios desde fóra da cidade. Algunhas persoas que subscribiran o manifesto retiraron a súa adhesión desconformes coa supeditación da Marea á estratexia electoral de Anova e EU, denunciando o intento de enmascarar unha nova AGE.

O coordenador de EU, Rubén Pérez, é o único aspirante a encabezar a candidatura da Marea

Mais a aposta de EU, que mesmo valorou a posibilidade de concorrer en solitario logo de desbotar a opción de reeditar a coalición AGE a nivel local, deu o empurrón definitivo á Marea para evitar que se afogase en si propia. A Marea está inmersa arestora nun proceso de primarias para conformar a súa candidatura. O coordinador local de EU, Rubén Pérez, é o único aspirante a candidato á Alcaldía. Pérez, xa foi o candidato da coalición estatal nas municipais de 2011. Naquela altura ficou ás portas de obter un asento no pleno municipal por só centos de votos.

Paradoxalmente, o propio proceso de primarias pon o foco nas feblezas da Marea. Neste proceso interno hai menos candidatas que postos. Só 19 persoas, máis o propio Rubén Pérez, optan a facer parte da candidatura. En troca, en Vigo o 24M escolleranse 27 concelleiros e concelleiras. Entre os e as aspirantes salientan os nomes de históricos dirixentes de EU, como Manolo Garrido ou Luz Masset. Tamén militantes de relevo de Anova como David Rodríguez e Xosé L. Jácome.

A proxección electoral da Marea, que se presentaba con grandes potencialidades hai só medio ano, parece tamén tocada pola incerteza destes meses e a negativa de Podemos de lles brindar o seu apoio. Porén, conservan opcións reais de lograr representación no pleno.

Opcións frustradas

As restantes plataformas non parecen estar en condicións de lograr presentarse aos comicios. É o caso de Gañemos Vigo. Presentada poucos días despois da Marea, segue o modelo impulsado por Guayem Barcelona e está incluída dentro da súa marca estatal. O seu principal promotor é Lois Pérez Leira, dirixente de Nova Esquerda Galega. Leira, ligado ao traballo coa poboación migrante, xa intentara en 2011 lanzar a súa candidatura á alcaldía que finalmente non logrou presentar. En 2007 tivo que conformarse co segundo posto da candidatura Vigo de Esquerda que artellou canda Nós-UP e que colleitou apenas unhas centenas de votos. Benito Santos, un crego que se significou na loita sindical da cidade, será o seu aspirante á alcaldía se finalmente se presentan.

O abandono de Decidir Vigo deixa o BNG como única candidatura soberanista

Precisamente quen fora parceiro de Leira e candidato á Alcaldía de Vigo en 2007 por Vigo de Esquerda, Xavier Moreda, tentou poñer en marcha unha terceira candidatura alternativa para os comicios do vindeiro 24M. Baixo a fórmula Decidir Vigo, Moreda presentaba a súa aposta municipal o 30 de outubro do pasado ano. A iniciativa apenas logrou sumar o tímido apoio de Nós-Unidade Popular, na que nesa altura militaba Moreda. Poucas semanas despois e logo de se coñecer a elección do secretario comarcal da CIG, Serafín Otero, como cabeza de lista do BNG, Decidir Vigo esmorecía case sen ter nacido, ao cesar as actividades públicas sen dar ningunha explicación. O seu abandono deixa o Bloque como única candidatura soberanista en Vigo, o que podería facerlle recibir o apoio da base social do independentismo na cidade, abertamente refractaria á Marea.

Somos Maioría non é estritamente unha candidatura. Xurdiu como un manifesto a nivel nacional, baixo a premisa de impulsar candidaturas municipais cidadás e apartidarias. Porén, en Vigo a marca fica asociada fundamentalnente ao sector cindido de Anova, Cerna. Na cidade a súa principal referencia é a deputada galega, agora adscrita ao grupo mixto, Consuelo Martínez, quen tamén foi tentada por Gañemos. Non pretendendo artellar candidatura propia, centraron os seus esforzos en procurar algún espazo co que confluír. As portas da Marea parecen fechadas para este sector, confrontado coa liña oficial de Anova que lidera a FPG.

Por último, é tamén un ex dirixente de Anova o artífice da máis recente das propostas electorais, Vigo en Común. Trátase de Fran Riveiro, ex coordinador local de Anova e que abandonou a formación liderada por Martiño Noriega logo dun intenso enfrontamento coa FPG que controla a organización local. Inda que fixo pública a súa vontade de se constituír en Agrupación de Electores, a falla dunha base de apoios real fai descartar que finalmente cheguen a dar o paso.



x