Riobóo lembra a Pablo Iglesias que el sufriu a “fraude” que agora critica no PSOE

Riobóo lembra a Pablo Iglesias que el sufriu a “fraude” que agora critica no PSOE

O ex-secretario xeral de Podemos Galiza equipara a actuación dos críticos do PSOE para desbancar Pedro Sánchez coa que el sofreu a principios de ano.


“Teño moitas diferenzas con Sánchez mais pretender facer caer un secretario xeral, elexido polas bases, con demisións é unha fraúde”. Pablo Iglesias expresaba así de resumido en 140 caracteres a súa postura sobre a treboada política que esta cuarta feira azotou o Partido Socialista. Para o líder de Podemos, o feito de que a través de demisións da executiva se tentase tirar do seu cargo a unha persoa eleita polas bases non podía ser considerado máis que como unha “fraude”.

Un chío que axiña foi recollido por Breogán Riobóo, ex-secretario xeral de Podemos Galiza. Foi eleito polas bases mais a demisión dos 'críticos' no Consello Cidadán galego provocaron o cesamento no cargo de Riobóo para nomear unha xestora que convocase un procedemento de renovación de órganos e cargos. “Saúdos do ex-secretario xeral de Podemos Galiza”, comezaba o chío de Riobóo dirixido a Iglesias, para continuar “Lembras o proceso aquí, verdade? Confirmas a fraude entón”

.Axiña tanto un como outro chío provocaron un fervedoiro nas redes sociais, con posicionamnetos a favor ou en contra, reciminacións, palabras subidas de tono... Twitter en estado puro.

Febreiro

O 9 de febreiro demitían 10 integrantes do consello cidadán galego de Podemos, entre eles os tres parlamentares do partido nas Cortes naquela altura, deixando sen 'quorum' este órgano. Sergio Pascual, daquela secretario de Organización de Podemos a nivel estatal, afirmou naquela xornada que "o proceso de renovación de todosos  órganos de Galiza darase o antes posíbel".  Riobóo defendeu que, ao ser eleito, polas bases, ese proceso non podía afectarlle polo que non consideraba lexítimo o proceso de primarias que se impulaba desde a dirección estatal e o sector crítico en Galiza.