Rodil pide a confianza para “pór Galiza e Lugo no mapa”

Rodil pide a confianza para “pór Galiza e Lugo no mapa”
A candidata do BNG ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil, demandou desde Belesar unha tarifa eléctrica galega [Imaxe: BNG]
A candidata do BNG ao Congreso por Lugo, Olalla Rodil, demandou desde Belesar unha tarifa eléctrica galega [Imaxe: BNG]  
A candidata ao Congreso do BNG pola circunscrición de Lugo, Olalla Rodil, participou dun acto na cidade amurallada xunto á portavoz nacional, Ana Pontón. Alí criticaron que Lugo siga contando "cun tren do século XIX" e que os postos de Alcoa periguen "nun país que exporta electricidade".

O BNG desprazouse a Lugo na segunda xornada de campaña electoral. Alí, nun acto que acolleu o IES Lucus Augusti, a candidata ao Congreso pola circunscrición lucense, Olalla Rodil, puxo a cidade das murallas como exemplo da política transformadora do BNG. “Cando confiamos en nós as cousas melloran. Dicían que era imposíbel, que a onde ía o Bloque. Pois darlle a volta a esa cidade, poñer Lugo a funcionar e liderar un proxecto que nos permita gañar o futuro e mirar con orgullo esta cidade sacándoa da parálise absoluta na que a tiñan”, afirmou.

Rodil expuxo que a decisión do 10-N pasar por “seguir mirando o que outros deciden por nós ou tomar as rendas da nosa vidas, convertendo Galiza nun actor da política do Estado”. Finalizou a súa intervención cun chamamento aos días que restan de cara o 10-N. “Temos que falar con cada veciño e pedirlle confianza, pero non no Bloque senón en si mesmo. Temos que sumar, temos que ser país para que nos escoiten. Para por Galiza e Lugo no mapa”.

Xunto a Rodil compareceu a portavoz nacional, Ana Pontón, que instou a cidadanía galega a dar unha contundente resposta nas urnas á dobre “inutilidade” das forzas estatais con Galiza. “Nin foron capaces de aportar solución os problemas deste país, nin de dar solución aos problemas das persoas. Convertamos o 10N na oportunidade de dar a este país unha voz que defenda os seus intereses ante o Estado”. Pontón pediu confianza “a todas as persoas que apostaron polo BNG nas municipais, porque sabían que era o mellor para Lugo”, afirmando que o mellor para Galiza e Lugo é “que Olalla Rodil sexa deputada e que dea a cara en Madrid por esta provincia”.

Pontón e Rodil fixeron un percorrido polas malas xestións do Estado e da Xunta na provincia lucense. Rodil falou da liña Lugo-Monforte, “acaso algunha das forzas estatais esixiu que calquera acordo tiña que pasar porque Lugo deixe de ter un tren do século XIX? Que AVE nos veñen vender se aínda temos a vía sen electrificar”. Pontón criticou a falta de conexións de proximidade, o retraso de trinta anos na construción da autovía Lugo-Santiago, a demanda dun xulgado de violencia machista e “que haxa 2.000 empregos en xogo na provincia da factoría Alcoa por custes enerxéticos, incomprensíbel nun país que exporta electricidade”.