Sánchez alimenta a hipótese do adianto electoral

Sánchez alimenta a hipótese do adianto electoral
Pedro Sánchez, desde a tribuna parlamentar
Pedro Sánchez, desde a tribuna parlamentar  

Sen orzamentos á vista, o debate xa non é tanto se se adiantan ou non, senón cando van ter lugar: ou en marzo, ou en maio en coincidencia coas europeas e as municipais ou no outono de 2019.


José Luis Ábalos, ministro de Fomento e número 2 do PSOE, aposta na realización das xerais en maio. Un super-domingo electoral. Baséase nos bons agoiros do CIS. A visión dos analistas da Moncloa é lixeiramente distinta: pensan que Sánchez ten de ir ás eleccións con logros concretos do estilo do incremento do salario mínimo. E piden máis tempo para que esas conquistas se substancien no parlamento por medio de decretos lei. Estarían, por tanto, máis na liña de estirar a lexislatura até o outono de 2019.

O escenario que está practicamente desbotado é o esgotamento da lexislatura. É defendíbel politicamente a prórroga duns orzamentos do PP, mais non é sustentábel gobernar con eles durante case dous anos. Iso é o que se deduce das declaracións realizadas esta terza feira por Pedro Sánchez en Madrid nun foro económico organizado por The Economist. Nese palco o presidente do goberno español dixo que se non é quen de aprobar os orzamentos 2019 a súa vontade de levar até o final o seu mandato se verá "acortada".

Con retórica previsíbel, Sánchez afirmou que convocará as eleccións "en base a un único interese, o interese xeral do país".

"Non o vou facer nin en aras do interese do país nin por suposto porque o indique o meu partido ou outro", dixo.

Sánchez atacou por todos os flancos, salvo polo de Podemos. Razoou que o acordo orzamental co partido liderado por Pablo Iglesias é bon para o país e, en troca, censurou que PP e Cs non queiran saber "absolutamente nada" das contas públicas. Canto ás forzas independentistas catalás acusounas de condicionar o seu voto á aceptación de exixencias que "son imposibles de asumir por un presidente do Goberno de calquer estado democrático de dereito".



x