III CONGRESO DO PARTIDO O 21 DE SETEMBRO

O secretario xeral de Compromiso Piñeiro Docampo, aspirante á reelección

O secretario xeral de Compromiso Piñeiro Docampo, aspirante á reelección
Juan Carlos Piñeiro Docampo, secretario xeral de Compromiso por Galicia. Foto: cedida.
Juan Carlos Piñeiro Docampo, secretario xeral de Compromiso por Galicia. Foto: cedida.  Foto: Beatriz G. Caneda
O terceiro Congreso Ordinario de Compromiso por Galicia será o vindeiro sábado, 21 de setembro, en Teo. E non se prevén grandes mudanzas na súa cúpula: a única candidatura aspirante á secretaría xeral é a de Juan Carlos Piñeiro Docampo, actual secretario xeral.

Compromiso defínese como “partido político galeguista, progresista e socialdemócrata” e para este cónclave pretenden “artellar as medidas precisas para que esta formación encare as distintas citas electorais que chegan”. Galicia, o noso camiño é a palabra de orde baixo a que se desenvolverá o encontro.

Ademais, as asistentes desenvolverán “as liñas política e estratéxica para os próximos tres anos”, renovará o Consello Nacional -conformado paritariamente por 20 mulleres e 20 homes- e as as comisións Executiva Nacional, de Garantías e de Contas. A organización fala nun comunicado remitido aos medios de comunicación do “elevado número de candidatos” ao Consello Nacional, “o que garante a presenza de compoñentes de todo o País dando así contido territorial a este órgano”.

Partidos ideoloxicamente “irmáns” estarán presentes: o PNV, o Partido Democrático Republicano (PDR) e o Partido Democrático Europeo.

Compromiso por Galicia constituíse en maio de 2012 con sectores procedentes do BNG e de pequenas formacións de centro e centro esquerda galeguista.