AS ELECCIÓNS A OLLOS DOS SECRETARIOS XERAIS DE CIG, CCOO E UXT

Os sindicatos chaman a clase traballadora a se mobilizar co voto

Os sindicatos chaman a clase traballadora a se mobilizar co voto
[Imaxe: GZ Foto] 1 de Maio de 2016
[Imaxe: GZ Foto] 1 de Maio de 2016  

A precariedade laboral, o desemprego, a perda de poder adquisitivo e o retroceso en dereitos sociolaborais son problemáticas que afectan de maneira crucial a maioría social galega no seu día a día. Falamos sobre a importancia das eleccións para a clase traballadora galega cos secretarios xerais dos tres principais sindicatos na Galiza: CIG, CCOO e UXT.


Seguindo a loita “contra a precariedade, a pobreza, a perda de poder adquisitivo, o feche de empresas e as deslocalizacións”, Paulo Carril anima a “vermos as eleccións como unha oportunidade”, e engade “con forzas políticas propias nacionalistas e de esquerdas é a única maneira de que Galiza exista no Congreso”. Carril, secretario xeral da CIG, sinala que “tanto o PSOE como a maioría coa que se conformaron os orzamentos do Estado foron lesivos para Galiza”.

“Tanto o PSOE como a maioría coa que se conformaron os orzamentos do Estado foron lesivos para Galiza”, sinala Carril

Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO na Galiza, considera que non estamos ante unhas eleccións ao uso, pois “hai un bloque das tres dereitas que quere retroceder en dereitos sociais e laborais, e outro bloque da esperanza que pula para pór a clase traballadora no eixo das políticas estatais”.

"Hai un bloque das tres dereitas que quere retroceder en dereitos sociais e laborais", afirma Sarmiento

José Antonio Gómez, secretario xeral de UXT, agarda desta campaña que as formacións políticas centren os debates “nas persoas, nos seus dereitos, na igualdade e na cohesión da sociedade”. Gómez valora que esta convocatoria vai resultar “transcendente” para conseguir que a próxima lexislatura sexa “na que se devolvan os dereitos e liberdades”.

Para o secretario xeral de UXT, Galiza xógase “o modelo de país e, polo tanto, tamén o modelo de mercado laboral para os vindeiros anos” e anuncia que desde o sindicato demandarán ao novo goberno “políticas destinadas a garantir un novo sistema produtivo sostíbel e emprego de calidade”, para o cal urxe derrogar as reformas laborais “impostas” e acabar coa precariedade.

Galiza xógase “o modelo de país e, polo tanto, tamén o modelo de mercado laboral para os vindeiros anos”, sinala Gómez

Os tres secretarios xerais chaman a clase traballadora a mobilizarse co voto. Carril anima a combater tamén nas urnas as políticas neoliberais e fascistas optando por forzas políticas propias. Desde UXT chaman as traballadoras e traballadores a votar, porque “o obxectivo debe ser conformar unha maioría política e social que permita recuperar dereitos e liberdades”. Sarmiento desexa após as eleccións unha coalición de partidos que incorpore a loita contra a desigualdade.