A VINDEIRA SEGUNDA FEIRA, ÁS 12H, ABERTO AO PÚBLICO, NA NAVE DE VIDÁN

Sermos Galiza organiza un debate electoral con visión galega e plural

Sermos Galiza organiza un debate electoral con visión galega e plural
De esquerda a dereita, Marta González, Pilar Cancela, Carme Adán, Yolanda Díaz e Isabel Cendán
De esquerda a dereita, Marta González, Pilar Cancela, Carme Adán, Yolanda Díaz e Isabel Cendán  

Sermos Galiza convocou as principais candidaturas para un debate electoral no que se analizará o 20D desde unha perspectiva galega e plural, pois participan Nós, Candidatura Galega, En Marea, PSdeG-PSOE, PPdeG e Ciudadanos. Terá lugar esta segunda feira, 7 de decembro, ás 12h, na Nave de Vidán (Compostela) e será aberto ao público.


Nós, Candidatura Galega; En Marea; PSOE; PP e Ciudadanos confirmaron a súa asistencia ao debate electoral convocado por Sermos Galiza para esta segunda feira, 7 de decembro, ás 12h, na Nave de Vidán (Avda. Mestra Victoria Míguez, 44, Compostela).

Aberto ao público, no acto debaterase ao redor das eleccións xerais do 20 de decembro desde unha perspectiva galega e plural. A proposta das diferentes formacións políticas, participarán no debate Carme Adán; Yolanda Díaz; Pilar Cancela; Marta González e Isabel Cendán, todas elas mulleres. Desta maneira, a mesa de debate, que será moderado pola xornalista María Obelleiro, será integramente feminina.

O debate retransmitirase en streaming a través de www.sermosgaliza.gal. Prolongarase por un espazo de 1h30min, incluídos 30 minutos para que as candidatas poidan responder as preguntas enviadas polos seguidores e seguidoras de Sermos a través de Facebook e de Twitter, así como as preguntas do público.

As candidatas

Carme Adán (Donostia, 1966) é a número 1 de Nós, Candidatura Galega, a coligazón da que forma parte o BNG, amais doutras organizacións políticas, por Pontevedra. Doutora en Filosofía pola USC, é deputada do BNG no Parlamento de Galiza e ocupou a Secretaría Xeral de Igualdade de 2005 a 2009.

Yolanda Díaz (Fene, 1971) ocupa o posto número 2 de En Marea, a coligazón integrada por Anova, EU e Podemos, entre outras organizacións, pola Coruña. Licenciada en Dereito pola USC, a que fora concelleira de EU en Ferrol é a día de hoxe viceportavoz de AGE no Parlamento de Galiza e ocupa o cargo de coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Pilar Cancela (Stuttgart, 1967) é a número 1 do PSOE pola Coruña. Secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, é licenciada en Dereito pola USC e funcionaria da Xunta de Galiza desde 1992. Entre 2005 e 2009 foi directora xeral de Relacións Laborais. A partir de 2009 ocupou unha xefatura de servizo na Consellaría de Traballo, cargo ao que renunciou ao ser elixida xefa do aparato do PSdeG.

Marta González (Compostela, 1965) ocupa o segundo posto na candidatura do PP pola Coruña. Doutora en Historia Medieval pola USC, é viceportavoz do Grupo Parlamentar do PP no Congreso e foi secretaria xeral de Igualdade na Xunta de Galiza entre 2009 e 2011. Tamén ocupou o cargo de concelleira en Compostela nas filas do PP.

Isabel Cendán (Madrid, 1976) é a número 1 de Ciudadanos por Lugo. Licenciada en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, é procuradora. Formou parte da candidatura de Ciudadanos ás eleccións municipais de Lugo.