GORETTI SANMARTÍN, SOBRE A DEPUTACIÓN DE LUGO

"A sesión de investidura foi esperpéntica e agardamos que se reconduza"

"A sesión de investidura foi esperpéntica e agardamos que se reconduza"
Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín  

A organización frontista reunirase a vindeira semana co PSOE para reiniciar as conversas sobre as deputacións de Coruña e Pontevedra mais tamén para valorar os "movementos" que se produzan en Lugo.


A decisión do alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, de se votar inicialmente a si propio e logo en branco, outorgoulle o goberno provincial ao PP após 8 anos dun goberno de coligazón entre PSOE e BNG. Neste senso, desde a organización frontista agardan que a situación se "reconduza". 

Como valorades o acontecido na Deputación de Lugo?
Para nós o fundamental é que se puxo en evidencia que o BNG tiña razón ao non coidar acaído a Martínez, primeiro por estar imputado e logo por antepór o seu interese persoal e ter poder político. A sesión foi esperpéntica e agardamos que se reconduza. Valoramos positivamente o xesto do PSOE, quizais un pouco tarde, ao facer unha proposta nova coa que nós podiamos estar de acordo. 

Coidades que o apoio amosado pola dirección do PSOE durante os días anteriores a Manuel Martínez puido propiciar a situación vivida na investidura? 
Non imos entrar a valorar cuestións internas do PSOE. Valoramos positivamente a decisión que facilitaría un goberno alternativo pois témoslle trasladado desde o comezo e con rotundidade que non iamos apoiar un candidato imputado. Mais agora temos que mirar para o futuro. Sentar a negociar. De maneira informal acordamos ter unha xuntanza a vindeira semana. 

Que acontecerá con Coruña e Pontevedra?
Volverémonos xuntar e retomaremos as negociacións no punto onde había discrepancia que era o programático dada a vontade do BNG de traballar pola disolución das Deputacións através dun adelgazamento das mesmas. A idea principal é que após un acordo nacional poidamos falar en concreto da Coruña e Pontevedra. Nese encontro avaliaremos tamén os movementos na Deputación de Lugo cara á un goberno alternativo. 

Valorades unha moción de censura?
Depende do que decida Martínez e do que poida facer o PSOE. Os escenarios poden ser moitos, sería precipitado aventurarse. Imos agardar. 

Que opinión vos merecen algunhas voces que tamén responsabilizan o BNG do acontecido?
O BNG non ten responsabilidade, ben se viu en como actuou que é unha decisión individual clarísima. Disparar cara á outro lado carece de lóxica. A inmensa maioría da poboación entende que o Bloque actuou con coherencia. Comunicamos [ao PSOE] desde o comezo que de ningunha maneira apoiaríamos un candidato imputado. Non queremos ser xuíces mais estamos nun momento en que a cidadanía exixe cambios e temos que ter un comportamento exemplar. Unha vez tomaron nota diso e propuxeron unha persoa distinta apoiamos o candidato socialista.