CARA A CARA ENTRE IGLESIAS E RIVERA

La Sexta entrega unha nova hora en “prime time” ás forzas estatais emerxentes

La Sexta entrega unha nova hora en “prime time” ás forzas estatais emerxentes
Albert Rivera e Pablo Iglesias no programa
Albert Rivera e Pablo Iglesias no programa  

Voltou a acontecer. La Sexta, nesta ocasión a través do programa “Salvados”, voltou a darlle cobertura na franxa horaria de máxima audiencia aos partidos estatais emerxentes, Podemos e Ciudadanos, as forzas políticas que máis eco viñeron conseguindo nesta canle nas noites dos sábados.


Moitas voces responsabilizan La Sexta das cotas de éxito electoral que obtivo Podemos no seu día. Día si, día tamén, a canle considerada progresista, e que pertence, xunto a Antena 3 ao grupo Planeta e á familia Lara, outorgáballe minutos aos líderes de Podemos, Pablo Iglesias, Íñigo Errejón e tamén Juan Carlos Monedero.

Nos últimos meses, coincidindo coas semanas previas ás eleccións catalás, Ciudadanos conseguiu ser un habitual entre as forzas que participan nos debates que emite a canle os sábados á noite. Desta maneira, as formacións unionistas -o bipartidismo clásico e as forzas de novo cuño- acapararon os micrófonos deste medio, en detrimento das forzas independentistas e nacionalistas, cuxa presenza é sempre nula ou residual.

Seguindo coa mesma liña, “Salvados”, o programa de Jordi Évole, buque insignia da cadea, convocou este domingo 18 de outubro un cara a cara entre os dous líderes das forzas estatais emerxentes: Pablo Iglesias e Albert Rivera, que comezaron a cita televisiva cunha conversa de aparente normalidade sobre como a política e o feito de ser recoñecidos pola sociedade cambiara as súas vidas. As cuestións económicas e sociais centraron un cara a cara no que se reservou tan só uns minutos contra o final do espazo á cuestión catalá e ao dereito a decidir.

Pablo Iglesias enfatizou que se fose presidente convocaria un referendo en Catalunya e nel defendería "un si a un proxecto xuntos"

Sobre o referendo, Albert Rivera avogou en “reformar España pero non rompela” e salientou que non convocará referendo ningún. “Hai que reenganchar os cataláns ao proxecto español”, sinalou, “hai que convencer os cataláns de que o proxecto español vale a pena”. “Á xente gústalle sumarse ás cousas que funcionan”, dixo Rivera en relación a unha España gobernada por Ciudadanos, “unha cousa é debater sobre infraestruturas e outra é quitarlle a nacionalidade á xente”.

Coincidencias e desacordos

Pablo Iglesias afirmou “non ter medo á democracia” e insistiu en que, de ser presidente do Goberno, convocará o referendo. Iso si, convocarao para obter “un si a un proxecto xuntos”. Desta maneira, o líder de Podemos apostou en que Catalunya sexa unha nación, pero “dentro de España”. “Non quero que Catalunya marche de España”, engadiu. Iglesias sinalou que Artur Mas “ten medo a vernos na Moncloa”, porque “a maioría dos cataláns estarían encantados de estar con nós”.

En parte das cuestións ao redor das que se debateron, amais da independencia que nin Rivera nin Iglesias queren, ambos os líderes amosáronse de acordo. O propio Iglesias chanceaba antes de finalizar o programa con que “como isto siga así presentarémonos xuntos ás eleccións”. Coincidiron en cuestións como o cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI) á igrexa; a supresión das Sicav; a loita contra a fraude fiscal; a transparencia; a loita contra a corrupción; a modificación da “Lei Mordaza”; a reforma das pensións; a supresión da amnistía aos políticos ou o afortalamento do Tribunal da Competencia.

As maiores disensións entre os representantes de Podemos e Ciudadanos tivo a ver coa política económica e sanitaria. Mentres Pablo Iglesias avogou nunha cobertura universal sanitaria para todas as persoas, incluídas as que se atopan nunha situación administrativa irregular, Rivera, que confesou empregar un seguro sanitario privado, defendeu que non se pode dar toda a cobertura de servizos ás persoas “sen papeis”.

Albert Rivera non estivo cómodo cando o programa emitiu a loanza do presidente do BBVA

O momento álxido do debate, no que resaltaba a soltura de Rivera, que apenas lle permitía falar a Iglesias, tivo lugar cando o programa emitiu as loanzas do presidente do BBVA ao presidente de Ciudadanos, do que salientou que “cre en España”. A partir de entón xurdiron temas como a relación dos partidos políticos cos empresarios, a condoazón de débedas aos partidos por parte da banca ou as doazóns aos partidos. A nacionalización de sectores estratéxicos como a enerxía, fronte á que se erixiu o representante de Ciudadanos, foi outro dos puntos sobre os que xirou o debate.

Preguntados por Évole, Iglesias e Rivera tamén falaron sobre o indulto a Otegi e a dispersión dos presos e presas vascas. En relación a Otegi, o líder de Ciudadanos sinalou que é contrario á concesión de indultos a políticos, mentres que Iglesias foi máis alá e advertiu de que Otegi non debería estar no cárcere. Ao igual que Rivera, non contempla o indulto. Sobre a dispersión dos presos e presas, o representante de Ciudadanos afirmou que “deben cumprir as sentenzas onde están”, mentres que o de Podemos lembrou que a lei estabelece que as persoas presas estean perto do seu domicilio, “estou de acordo en que alguén pague polo que cometeu, pero non as súas familias”.

Como era previsíbel, por ser forzas estatais, Galiza non apareceu no debate. Tan só houbo unha pequena alusión ás eleccións vascas e galegas cando Pablo Iglesias e Albert Rivera charlaban ao inicio do programa sobre o dura que resulta a carreira política.