O ALCALDE CRITICA OS DEREITOS LABORAIS

Os sindicatos rebélanse ante as declaracións de Jácome contra o funcionariado

Os sindicatos rebélanse ante as declaracións de Jácome contra o funcionariado
Pérez Jácome
Pérez Jácome  

As centrais sindicais CIG, UXT e CSIF emitiron un comunicado conxunto en que denuncian as novas manifestacións do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, en relación ao funcionariado do concello por poñer en cuestión tanto as persoas que están de baixa laboral como o salario que perciben as e os traballadores municipais.


O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, non cesou nin durante as súas ferias de criticar os traballadores e traballadoras municipais do concello por estaren o 6% en situación de baixa laboral ou por cobraren, segundo o parecer do rexedor e líder de Democracia Ourensá, elevados salarios.

Ante os seus últimos e polémicos chíos en que expresaba a súa opinión sobre baixas e soldos, as tres centrais sindicais CIG, UXT e CSIF veñen de emitir un comunicado conxunto en que denuncian os ataques de Jácome e sinalan que a función pública “está perfectamente regulada na lexislación” en canto á súa remuneración e forma de acceso, “especialmente mediante a garantía dos principios de igualdade, mérito e capacidade”, enfatizan no escrito, e engaden que se garante a liberdade de opositar a cada unha das prazas de todas e todos os cidadáns.

Denuncian así mesmo que o rexedor acuse de “enchufismo” o cadro de persoal e que cuestione as baixas laborais

Denuncian así mesmo que o rexedor acuse de “enchufismo” o cadro de persoal e que cuestione as baixas laborais.

En canto as críticas vertidas polo alcalde nas redes sociais sobre o salario do funcionariado, as tres centrais sindicais lamentan que sexa o propio alcalde quen ataque os dereitos retributivos das e dos traballadores cando el vén de “colocar un salario desorbitado a 27 amigos seus no concello“, o cal está a representar “case un millón de euros máis ao ano en gasto de persoal en Ourense”.

Esixen as forzas sindicais que o alcalde permita o funcionariado desenvolver as súas funcións “como o viñan facendo” e lembran que este colectivo está a suplir a carencia de máis de 150 traballadoras e traballadores na cidade de Ourense e facendo igualmente que a administración non se resinta e funcione.

Emprázano nese sentido a que agradeza o funcionariado polo seu traballo que realiza cubrindo a falta de efectivos e solicítanlle que dea curso á RPT aprobada pola maioría sindical e a administración. “Apróbea en xunta de goberno, saque a oferta pública de 2018 con máis de 130 prazas e será a continuación cando nos terá da man para revisar aqueles aspectos que se considere”, aseguran no comunicado, engadindo ademais que “deixe os funcionarios facer o seu traballo con tranquilidade”.