Pontón: “Sorrimos porque Galiza volve estar en Madrid da man do BNG”

Pontón: “Sorrimos porque Galiza volve estar en Madrid da man do BNG”
Ana Pontón valora os resultados do 10-N.
Ana Pontón valora os resultados do 10-N.  
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, asegura que o 10-N é un día importante para o BNG e para as galegas. “Galiza volverá estar representada con forza no Congreso”.

Na súa comparecencia ante os medios, após se confirmar que o BNG saca representación pola Coruña, a voceira do BNG, Ana Pontón destacou o compromiso da súa formación coa defensa dos intereses propiamente galegos.

“É un día importante porque imos ter voz propia no Estado. Galiza volverá estar representada con forza no Congreso dos Deputados”.

O BNG vai ser a voz deste país no Congreso. O noso compromiso pasa por defender un futuro digno, por traballar con seriedade  e rigor para conseguilo.

Pontón insistiu en que o seu partido vai “ser a voz deste país”. Ese é o seu compromiso, dixo, “defender un futuro digno, traballar con seriedade e rigor para conseguilo”. E engadiu que a súa formación vai estar á altura para responder á confianza depositada polo seu electorado.

Doutra banda, referiuse ao “escenario complexo” que se abre no Estado. Neste sentido afirmou que o BNG favorecerá un goberno de esquerdas sen esquecer que  “os intereses da Galiza estarán no centro”.

Sobre o avance de Vox, Ana Pontón asegurou que o nacionalismo galego é “o muro de contención da extrema dereita. Grazas ao BNG parámoslles os pés”.

Un compromiso intacto e máis firme 

Néstor Rego, deputado electo pola Coruña, dixo que o BNG cumpriu o seu obxectivo: volver ter voz propia no Congreso. Na súa comparecencia referiuse á "campaña heroica" na que o seu partido foi a máis. Segundo indicou, esa medra non é "un obxectivo puramente electoral. Seguiremos sumando por Galiza, polo conxunto do país".

O resultado acadado polo BNG é a expresión da dignidade do país e da autoestima colectiva do pobo galego.

Rego insistiu en que o resultado acadado pola súa formación é a "expresión da dignidade do país e da autoestima colectiva do pobo galego" que lles permitirá a "defensa dos intereses das clases traballadoras galegas por riba de todo". 

O 10-N, dixo Néstor Rego, "coloca o BNG nunha posición mellor para afrontar os retos" inmediatos. E no horizonte sinalou as elección galegas de 2020, para "tirar a Feixoo e o Partido Popular da Xunta de Galiza".