PERFIL DE ANA PONTÓN (BNG) | ELECCIÓNS GALEGAS 2016

Un sorriso solvente para mudar o país

Un sorriso solvente para mudar o país
Ana Pontón, candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza
Ana Pontón, candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza  

Na recta final da campaña do 25-S continuamos coñecendo os perfís dos e das principais cabezas de lista, poñendo o foco desta volta na candidata nacionalista, Ana Pontón.


Todo aponta a que o BNG comezara a rachar este 25-S cun ciclo electoral no que concatena sucesivos retrocesos. Un xiro inesperado para quen daba por condenado o nacionalismo galego a se consumir na metástase electoral, alentado polo que xa se denomina como “efecto Pontón”, en alusión ao novo liderado exercido por Ana Pontón Mondelo (1977).

O seu liderado supuxo unha notábel revitalización da fronte nacionalista

Pontón asumiu a portavocía nacional na última Asemblea do Bloque, decorrida en febreiro deste ano. Poucos meses despois era proclamada polas bases nacionalistas candidata á presidencia da Xunta. A primeira muller en 34 anos de historia do BNG e a única cabeza de cartel feminina entre as forzas con representación no Parlamento galego. 

O seu liderado supuxo unha notábel revitalización da fronte nacionalista, tanto a nivel interno como, sobre todo, a nivel social. Pontón concilia un talante próximo, marcado polo seu sorriso e a claridade coa que se expresa, coa enerxía  e solvencia de quen leva máis de media vida –malia ter menos de 40 anos– de activismo político. Na súa práctica cohabita a firmeza nas conviccións cunha grande capacidade de integración.

Compromiso

Con apenas 16 anos enceta a súa militancia no nacionalismo galego, nas filas de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG) e pouco despois dos Comités Abertos de Facultade. En Galiza Nova   comeza a dar mostras da súa capacidade de traballo, a nivel organizativo e tamén social, destacándose como responsábel nacional de Organización durante a etapa de Rubén Cela como secretario xeral. Ás veces dura no debate, sempre exixente, perfeccionista e enormemente disciplinada. Ana Pontón conserva desde a súa militancia xuvenil ese afán de formiguiña denodada que traballa en equipo e o seu profundo compromiso co proxecto transformador que para ela encarna o nacionalismo.

Conserva desde a súa militancia xuvenil o afán de formiguiña denodada que traballa en equipo e o seu profundo compromiso co proxecto nacionalista

En 2004 ocupa o escano de deputada no Parlamento galego, após a saída de Pilar García Negro. Tiña 27 anos, e malia a súa mocidade debrúzase na area parlamentar con soltura. Nos comicios de 2005, 2009 e 2012 recunca como deputada. Exerceu como voceira parlamentar do BNG desde a saída de Carlos Aymerich en febreiro 2012 até a chegada de Francisco Jorquera logo das eleccións do 21 de outubro, con quen partillou a primeira liña nos últimos catro anos como vicevoceira.

Curtida na actividade parlamentar, este ano decídese a dar un paso á fronte para optar á portavocía nacional do BNG, despois de que Xavier Vence anunciase non querer continuar un segundo mandato. O 28 de febreiro a XV Asemblea Nacional colocouna á cabeza da organización. Pontón, máis unha vez, era a primeira muller en ocupar tal nivel de responsabilidade. 

Remontada

Cun discurso firmemente enraizado nos principios ideolóxicos que definen ao Bloque, mais cunha nova narrativa, o debate a cinco decorrido na TVG visou a solidez do seu perfil, impoñéndose como a alternativa máis incisiva a Feijóo, pero tamén despregando unha completa oferta programática en chave de país e ao servizo da maioría social. 

O "efecto Pontón" logrou feminizar e renovar o discurso do BNG conseguindo que este reconecte socialmente

Polo momento Pontón xa logrou feminizar e renovar o discurso do BNG, conseguindo que este reconecte tanto coa súa propia base como con segmentos sociais que comezan a ver no seu sorriso solvente unha opción a serio para abrir un tempo novo en Galiza. Con esa baza o Bloque tentará evitar, ou polo menos conter, un retroceso nos comicios do 25-S que hai apenas seis meses se daba por seguro e definitivo. Unha remontada que comeza a se tornar factíbel.



x