50 ANOS DO DÍA DA PATRIA

“Sumar por Galiza”: O BNG chama a un 25 de Xullo de unidade para “un cambio real” en chave de país

“Sumar por Galiza”: O BNG chama a un 25 de Xullo de unidade para “un cambio real” en chave de país

Este 25X fanse 50 anos daquel Día da Patria de 1968 na que o nacionalismo volveu ás rúas de Santiago para reivindicar os dereitos nacionais de Galiza.


‘Sumar por Galiza’ é o lema escollido polo BNG para este 25 de Xullo, Día da Patria Galega. Unha data que este ano fai o seu 50 aniversario: foi en 1968 -após décadas de parón pola ditadura franquista-, cando o nacionalismo galego foi quen de desafiar esa represión  para recuperar a manifestación nas rúas de Compostela para celebrar o 25 de Xullo. A reivindicación dos dereitos nacionais de Galiza provocou aquel ano cargas policiais contra as persoas manifestantes. Unha dinámica que se reproducíu ano tras ano contra as manifestantes que tentaban chegar até a emblemática Praza da Quintana, en pleno corazón da capital de Galiza, o que non se logrou até 1983, tras unha sentada de oito horas na cidade vella de Santiago.

 

Lois Diéguez, histórico militante nacionalista que participou nesa reivindicación do 68 e que,canda María Alonso, militante viguesa de 17 anos que acudirá a súa segunda celebración do 25X, acompañaron á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón na presentación da campaña para este Día da Patria. A dirixente nacionalista insistiu no chamamento para sumar  arredor “dun nacionalismo emancipador, forte, aberto e moderno desde o que construír un futuro mellor para Galiza, cun BNG coa man tendida para quen queira traballar na defensa deste país e deste pobo”.

 

Medio século no que a defensa de Galiza como nación “é hoxe tan revolucionaria como hai cinco décadas”, salientou Pontón, “e tamén hoxe o nacionalismo significa a esperanza dun cambio real para deixar atrás precariedade, emigración e a discriminación a este país”. A dirixente do Bloque amosou o seu orgullo de liderar a que, “segue a ser a mellor ferramenta política para defender Galiza e avanzar colectivamente”.

 

A campaña do Día da Patria está centrada na idea de ‘Sumar por Galiza‘ a todas as persoas que partillan a idea de que o pobo galego debe gobernarse a si propio. “50 anos sumando por Galiza desde a diferenza, con diferentes visións do país, pero cun punto en común: O convencemento de que temos dereitos e somos capaces de gobernarnos a nós mesmas e non precisamos que nos marquen o camiño desde fora”.

 

Pontón fixo un chamamento “a desbordar” as rúas de Compostela o 25X con xente que aposta en construír un país “onde a xente moza como María non teña que coller a porta da emigración ou quen traballou toda a súa vida como Lois non sexa obrigado a loitar por unhas pensións dignas”. Nesta liña, mantivo, “é clave fortalecer proxectos políticos propios como o BNG, para que Galiza non sexa un simple escenario do pim-pam-pum das forzas políticas estatais que mudan o seu discurso en función de se están no goberno ou na oposición, e nese escenario os galegos e as galegas sempre saímos perdendo”.



x