DESCONVOCADAS AS ELECCIÓNS INTERNAS A ESCASAS HORAS DE QUE DESEN COMEZO AS VOTACIÓNS

Suspendidas sine die as primarias de En Marea por "presuntas irregularidades no proceso"

Suspendidas sine die as primarias de En Marea por "presuntas irregularidades no proceso"
Plenario do 27 de outubro
Plenario do 27 de outubro  

As eleccións internas da confluencia pospóñense por decisión da súa comisión de garantías. Este órgao apreciou irregularidades no proceso, arredor dun censo que experimentou un incremento moi significativo de altas, máis de 1.500 persoas, desde o plenario de finais de outubro, a cimeira en que o sector crítico derrotou en votacións sensíbeis a equipa dirixida por Luís Villares.


Mentres non se resolver as pretensas irregularidades por medio dunha auditoría fica en suspenso o proceso de elección do Consello da Marea, o máximo órgao da confluencia entre plenarios.

Así o comunicou, nunha conferencia de imprensa de urxencia este mesmo serán, a comisión de garantías do partido instrumental. 


As primarias estaban axendadas entre o 1 e o 3 de decembro —ou sexa, son suspendidas a escasas horas de que as persoas inscritas puidesen, este mesmo sábado, comezar a votar— e no censo figuraban por volta de 4.500 persoas, 1.500 máis que as que tiveron dereito de voto no plenario do pasado 27 de outubro.

Precisamente o pasado 27 de outubro a comisión de garantíasl xa decretou unha suspensión cautelar ante a existencia de deficiencias no proceso. Ao non teren sido subsanadas, a decisión agora é a de desconvocar as votacións á espera da realización dunha auditoría.

As irregularidades terían a ver co feito de que durante 24 horas o responsábel legal do censo perante a Axencia Española de Protección de Datos, Gonzalo Rodríguez, non puido acceder ao listado das persoas inscritas, xestionado pola empresa Agora Voting.

O que aprecia agora a Comisión de Garantías é que a poucas horas do comezo da votación non se informara correctamente ás persoas inscritas dos locais de votación, sen existir xa tempo material para o facer.

Na conferencia de imprensa, os integrantes da comisión de garantías manifestaron non teren sospeitas sobre ningunha persoa concreta da organización. "Eu non dubido de ningún compañeiro nin dos responsábeis que tiveron acceso ao censo nin da propia empresa. Non dubido da súa transparencia", afirmou Manuel Nogueira, integrante tamén da Comisión de Garantías.



x