Tardà anuncia que ERC negocia unha candidatura "co independentismo de Euskal Herria e co BNG"

Tardà anuncia que ERC negocia unha candidatura "co independentismo de Euskal Herria e co BNG"
Joan Tardà, na praza do Obradoiro.
Joan Tardà, na praza do Obradoiro.  Laura R. Cuba

O portavoz de ERC no Congreso rexeita un acordo con Junts per Catalunya —Carles Puigdemont chegou a ofrecerse como número 2 dunha lista con Oriol Junqueras como cabeza de cartaz— co argumento de que o conveniente é que nas eleccións europeas "as esquerdas [soberanistas] vaian coas esquerdas".


En declaracións a Radio Barcelona (SER), Tardà dixo o seguinte sobre as conversas en curso coas forzas soberanistas de esquerda de Euskal Herria e Galiza: "Entendemos que as cousas van ben".

A proposta sería unha candidatura conxunta de Esquerra con BNG e EH Bildu, co preso político Oriol Junqueras como número un. De se concretizar, suporía unha mudanza de posición de ERC a respecto de 2014, cando, no tramo final do proceso, optou por se descolgar do acordo coa esquerda abertzale e co Bloque.

Naquela altura, finalmente ERC liderou a marca L'Esquerra pel Dret a Decidir, unha plataforma en que se integraría o partido de Ernest Maragall (hoxe candidato republicano á alcaldía de Barcelona) e que contaría co apoio de Més per Mallorca.

Tardà distingue entre a unidade estratéxica, na que si debe confluír o conxunto do soberanismo catalán, coa electoral, espazo en que, defende, "as esquerdas deben ir coas esquerdas e os outros, cos outros".

O BNG tamén aposta nunha candidatura conxunta das nacións sen estado, tal e como propón a súa Executiva Nacional nun debate que se abre agora ás asembleas comarcais da organización.



x