SANTALICES CHAMA A ORDE A PONTÓN

Tenso cruzamento de acusacións de connivencia co terrorismo machista e RG entre BNG e PP

Tenso cruzamento de acusacións de connivencia co terrorismo machista e RG entre BNG e PP
Miguel Santalices
Miguel Santalices  

Na sesión de control ao goberno galego, Ana Pontón afeou a Alberto Núñez Feixoo o pacto secreto do PP con Vox, un partido"anti-galego" que non combate o "terrorismo machista". O líder conservador replicou á dirixente soberanista que nas súas recentes declaracións sobre Resistencia Galega perdera a oportunidade de introducir mudanzas no discurso do nacionalismo galego sobre o terrorismo. Pontón pediu o amparo do presidente da cámara, mais só conseguiu ser chamada á orde.


Como adoita facer, Feixoo gardou o armamento máis pesado para a quenda final de palabra, aquela que lle corresponde como presidente e que xa non admite réplica por parte da oposición. No seu turno, Pontón cargara contra o titular da Xunta polo acordo clandestino con Vox, un partido que o BNG ve cúmplice do "terrorismo machista". Feixoo, na súa resposta, veu dicir que o Bloque non está lexitimado para falar de terrorismo e atacou Pontón pola forma en que a dirixente soberanista avaliou a detención de persoas presuntamente relacionadas con Resistencia Galega.

"En vez de felicitar os corpos e forzas de seguridade do Estado, vostede pediu presunción de inocencia" para as persoas detidas, dixo Feixoo, quen censurou que na mesma conferencia de imprensa a Pontón lle merecese "máis reproche" a actitude dos concelleiros do BNG que aceptaron votos do PP para alcanzaren a alcaldía de Catoira do que a acción dos "terroristas". Nese encontro cos medios, a líder nacionalista reafirmou o compromiso histórico do BNG co pacifismo, a non violencia e a loita política democrática.

Non había quenda para a réplica, mais as parlamentares sempre poden pedir a palabra e o amparo da presidencia se ven danados os seus dereitos ou a súa honorabilidade. Foi o que fixo Ana Pontón, quen se ergueu do escano para denunciar que na intervención de Feixoo se deslizaran "acusacións" contra ela e o BNG "en relación á connivencia co terrorismo". Non achou a protección pretendida por parte de Miguel Santalices, para quen a troca de dardos entre Pontón e Feixoo non pasara de ser un "debate de ton político". "Estiven atento e non houbo acusacións graves", dixo antes de chamar á orde á parlamentar do BNG que, xa coa megafonía desligada, continuaba a reclamar o uso da palabra. "Non o ten", afirmou vehemente Santalices, quen se permitiu o luxo de oferecer un consello á líder do Bloque: "No debate se sabe dar, pero tamén se ten que saber encaixar".

O primeiro mísil da sesión de control lanzouno Pontón coa batalla ourensá como albo. Atacou Feixoo por pasar de proclamar o carácter letal dun goberno local liderado por Gonzalo Pérez Jácome a pactar con este a continuidade de Baltar. O presidente da Xunta tería protagonizado "un espectáculo vergoñento" que demostraría "que a súa palabra non vale nada". Feixoo tería sacrificado principios e valores por manter o control da Deputación. "É vostede un xonqui do poder disposto a facer calquera cousa para o manter", espetoulle Pontón.

Feixoo replicou que pactou con Jácome para evitar que o fixeran BNG e PSdeG. Se a oposición está lexitimada para pactar co líder de Democracia Ourensá, por que non o ía poder facer o PP, argüíu o político conservador. Foi entón cando Pontón contra-atacou co argumento de que o inquilino de Monte Pío non está moi en disposicion de falar de pactos, cando se acaba de coñecer que asinou un acordo "secreto" coa "dereita anti-galega e machista". O círculo fecharíao a seguir Feixoo coa súa alusión a Resistencia Galega.

"É vostede o peor presidente da historia de Galiza"

O ton da sesión foi en todo momento inequivocamente pre-electoral. A oposición interpreta que o PP deu a pistolada de saída á precampaña ao convocar a quinta feira 20 de xuño unha reunión de altos cargos da Xunta sen máis orde do día que dar impulso a un novo plano estratéxico. Pura propaganda, na opinión de Ana Pontón, que só tenta ocultar a realidade de que nos atopamos perante "o peor presidente da historia de Galiza", dixo, afirmación que levantou murmurios nas bancadas populares. "Se hoxe houbese eleccións, vostede tería que facer as maletas", agregou.

"É vostede un xonqui do poder disposto a facer calquera cousa para o manter", espetoulle Pontón a Feixoo.

Daquela apareceu un personaxe que nunca falta nas sesións de control, o espectro do bipartito [executivo de coalición PSdeG-BNG, 2005-2009]. "Cando vostedes gobernaban non podía reunir todo o goberno. Porque os altos cargos do PSdeG non se falaban cos do BNG e viceversa", retrucou o titular da Xunta, a anticipar unha das liñas forza do discurso do PP para os próximos meses: só un gabinete de Feixoo garante estabilidade política, a oposición é sinónimo de división e confrontación.

A idea PP igual a Estabilidade apareceu tamén no confronto de Feixoo con Leiceaga, un duelo de ton menor e certo ar crepuscular, co portavoz do PSdeG a agardar o seu relevo polo líder do seu partido, Gonzalo Caballero, cuxa chegada ao Pazo do Hórreo se prevé para após as ferias parlamentares do verán. "Que quere que copiemos do Goberno Sánchez? Quere que introduzamos unha atmosfera total de inestabilidade?", perguntouse retoricamente Feixoo.

"Cando vostedes gobernaban non podía reunir todo o goberno. Porque os altos cargos do PSdeG non se falaban cos do BNG e viceversa", retrucou Feixoo

Leiceaga puxo o foco da súa pergunta parlamentar no agravamento da "crise demográfica", demostración do "fracaso" da "política familiar" do goberno Feixoo. Na década de goberno do político de Os Peares o número de persoas mozas ocupadas no país tería descendido 45%, dato que ilustraría a magnitude do devalo poboacional. A resposta de Feixoo foi polo libro: a culpa tena a crise económica mundial, a máis grave desde mediados do século XX, e subsidariamente o goberno Zapatero (2004-2012) por non ter previsto o desastre. Mesmo en condicións tan apocalípticas o titular da Xunta gabouse de que neste período a comunidade autónoma galega fora aquela do Estado en que máis aumentou a renda per capita. O que non dixo é que iso se explica en parte pola perda de poboación: a mesma riqueza repartida entre menos persoas. 

Silencio de Villares

Foi unha sesión de control estraña con só tres voces. Faltaba a da confluencia, apagada após o esgazamento do grupo. Ao se escindir sen que dese tempo a que para este pleno estivese xa operativo o grupo mixto, Luís Villares optou por renunciar á súa pergunta. Tampouco as súas ex compañeiras consideraron oportuno recoller neste momento o relevo. Resérvanse para futuras batallas.

Agora tócalle á Mesa, controlada polo PP, dictar como se van sustanciar as sesións de perguntas a Feixoo xa no próximo período de sesións (ao actual só lle queda un pleno en xullo). Ao aparecer un cuarto actor, a En Marea villarista, Santalices podería caer na tentación de recortar os dereitos da oposición e continuar a limitar a tres o cupo das cuestións ao presidente.