Teresa Táboas reaparece este sábado nunhas xornadas de En Marea

Teresa Táboas reaparece este sábado nunhas xornadas de En Marea
[Imaxe: BNG] Teresa Táboas, nun Pleno, durante a súa época como conselleira de Vivenda.
[Imaxe: BNG] Teresa Táboas, nun Pleno, durante a súa época como conselleira de Vivenda.  

No encontro, que se debruzará sobre o estado do mercado inmobiliario na Galiza e as dificuldades para a xente ver materializado o dereito ao acceso a unha vivenda digna, van tomar parte, entre outras persoas, a ex conselleira de Vivenda do bipartito, Teresa Táboas.


Teresa Tábaos foi no período 2005-2009 unha das catro persoas que, en representación do Bloque Nacionalista Galego, asumiron funcións de goberno durante o chamado bipartito, o executivo de coalición entre a formación soberanista naquela altura liderada por Anxo Quintana e o PSdeG que daquela encabezaba quen sería titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño.

Na súa calidade de arquitecta e boa coñecedora do sector na Galiza, Táboas —que nos últimos anos veu realizando a súa actividade profesional en México—reaparecerá na escena pública ao coprotagonizar este sábado unha xornada de En Marea baixo o título xenérico de "A Vivenda, máis aló do mercado. Un dereito efectivo". O acto terá lugar no salón Galicia do Hotel Santiago Apóstol, segundo informa o partido instrumental nun comunicado de imprensa.

Alén de Táboas, e entre outras persoas, participarán na xornada a profesora de Dereito Administrativo da USC, Alba Nogueira; o director de Planificación e Procesos Operativos de Vivenda, Medio Ambiente e Planificación Territorial do goberno vasco, Mario José Yoldi Domínguez;  o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños (BNG); o concelleiro de Espazos Cidadás, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais do concello de Santiago, Jorge Duarte (Compostela Aberta); ben como os profesores de Xeografía e Historia da USC e de Arquitectura da UDC, Rubén Lois e Xosé Anxo Carreira, respectivamente.