O 'think tank' Coppieters recoñece o labor de Camilo Nogueira

O 'think tank' Coppieters recoñece o labor de Camilo Nogueira
Camilo Nogueira. Foto: cedida.
Camilo Nogueira. Foto: cedida.  
Camilo Nogueira é un líder histórico do movemento galego, cunha traxectoria marcada por unha forte defensa dos dereitos políticos do pobo galego e a súa proxección internacional”. Así argumenta a Fundación Coppieters a distinción que vén de outorgar ao veterano nacionalista, que a recibirá o vindeiro 6 de novembro en Bruxelas.

Canda Nogueira -entre outras cousas, eurodeputado do BNG entre 1999 e 2004-, o think tank tamén recoñece o labor político de Patxi Zabaleta, outro veterano dirixente, este abertzale, primeiro en Herri Batasuna e despois en Aralar, “por manterse contrario á subordinación da loita política á loita armada”.coppieters

“Con estes premios, Coppieters recoñecerá os históricos liderados de Nogueira e Zabaleta nos movementos galego e vasco, respectivamente”, sinala a fundación, “serán honrados pola súa dedicación vital e o seu traballo político, avogando pola acción democrática e pacífica prol da recuperación de poder e a autodeterminación [das súas nacións]”.  

O galardón da Fundación Coppieters -que preside un galego, Xabier Macías- procura sinalar individuos e organizacións que pelexasen “pola defensa da diversidade cultural e lingüística, polo diálogo intercultural, a autodeterminación, os dereitos das minorías, a paz, a democracia e unha Europa unida”.

A institución que outorga as distincións leva o nome de Maurits Coppieters (1920-2005), un político nacionalista flamenco, membro de Volksunie [Unión do Pobo], partido nacionalista de centro dereita.