Transcende agora que Lidia Senra abandonou en marzo a delegación da Esquerda Plural en Bruxelas

Transcende agora que Lidia Senra abandonou en marzo a delegación da Esquerda Plural en Bruxelas
Lidia Senra, nunha intervención desde o seu escano
Lidia Senra, nunha intervención desde o seu escano  

A raíz da polémica suscitada pola pergunta da eurodeputada galega á Comisión en relación coas vacinas, Izquierda Unida revela que a parlamentar abandonou a delegación da Esquerda Plural en Bruxelas en marzo pasado. IU considera Senra unha tránsfuga.


Nas eleccións ao Parlamento europeu de 2014, Lidia Senra obtivo acta de eurodeputada ao figurar na candidatura da Esquerda Plural (a marca impulsada por Izquierda Unida) como representante da Alternativa Galega de Esquerda-Europa. Senra foi proposta pola formación liderada naquel momento por Xosé Manuel Beiras para ser a número un de AGEe (coaligazón formada por Anova e Esquerda Unida e rótulo con que a Esquerda Plural se apresentou na Galiza).

Xa en Bruxelas, a parlamentar integrou desde o primeiro momento a delegación da Esquerda Plural dentro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica. Pois ben, agora transcende -porque así o revelou Izquierda Unida a meio dun comunicado de imprensa- que no pasado mes de marzo Lidia Senra comunicou por escrito o seu abandono da delegación da Esquerda Plural. O seu estatus a partir dese momento pasaba a ser o de parlamentar non adscrita no grupo da Esquerda Unitaria Europa/Esquerda Verde Nórdica.

Segundo fontes consultadas por Faro de Vigo, Senra tería abandonado a disciplina da Esquerda Plural por discrepancias políticas e tamén por diferenzas a respeito da cantidade do seu salario que debía ceder á delegación liderada por IU.

Nun documento de Izquierda Unida de marzo pasado, ao que tivo acceso Sermos Galiza, consígnase que "co abandono de Lidia Senra" a situación económica [da delegación da Esquerda Plural] "empeora", dado o "incumprimento do acordo con Anova". A eurodeputada tería tomado a decisión de abandonar o grupo sen o coñecimento previo da formación liderada por Antón Sánchez, indican as fontes consultadas polo Faro.

Izquierda Unida tentou en van manter unha reunión con Lidia Senra, "unha vez que comunicou por escrito a súa vontade de abandonar a delegación", afirma o documento da organización esquerdista. "Negouse [por Lidia Senra] a nos receber e non respondeu os correios nen as mensaxes que se lle ten mandado", engaden.

IU tería comunicado tamén ao grupo confederal da Esquerda Unitaria Europea que "esta persoa debería ter o tratamento de tránsfuga", ao tempo que a formación liderada por Alberto Garzón se tería reunido con Anova para "cumprir como organización o acordo e asumir os custos", isto é, a repercusión económica do abandono de Serna para as arcas do grupo da Esquerda Plural.

Polémica

Esta historia do abandono do grupo da marca de IU en Europa tórnase agora pública ao abeiro da polémica desatada por unha iniciativa parlamentar de Senra en relación á toxicidade de diversos componentes das vacinas. A eurodeputada ficou soa: Anova desautorizouna publicamente, En Marea enfatizou que non ten ningún vínculo orgánico con ela -só relacións de colaboración- e Esquerda Unida chamouna tránsfuga.