ANÁLISE/SERMOS329

O tripartito de dereitas non suma na Galiza

O tripartito de dereitas non suma na Galiza
Alfonso Rueda, secretario xeral do PPdeG comparece en rolda de prensa.
Alfonso Rueda, secretario xeral do PPdeG comparece en rolda de prensa.  

A tripla alianza non suma na Galiza. Os dados fornecidos polas diferentes sondaxes coñecidas nas últimas semanas coinciden en sinalar que só as nacións sen estado resisten a enxurrada reaccionaria que abanea o Reino de España. Os vindeiros procesos electorais de 2019 sacaranos de dúbidas.


As enquisas achegadas polos diferentes estudos demoscópicos certifican un comportamento electoral dual no conxunto do Estado. A unha banda, a área peninsular de lingua e cultura española cunha identidade nacional inequívoca non cuestionada pola súa poboación, onde as forzas de dereitas conseguirían unhas cómodas maiorías. Os gobernos deste signo conformaríanse arredor dun PP á baixa, dun Ciudadanos forte e dun Vox á alza, cuns resultados moi importantes en cidades como Madrid, Sevilla, Zaragoza, Oviedo e en diversas capitais de provincias castelás, estremeñas ou andaluzas. Noutra banda, as nacións sen estado, campo de análise en que destacan as achegas de Narciso Michavila, o sociólogo de referencia da dereita política e mediática, que nun recente traballado do seu gabinete certificaba as nulas posibilidades de goberno dunha maioría de dereitas nas cidades catalás, vascas e na práctica totalidade das galegas.
 

PP, Ciudadanos e Vox enfróntanse a un escenario electoral moi complicado en Galiza  cara ás municipais. As enquisas internas coas que traballan nas salas de máquinas destes partidos presentan uns números moi semellantes que limitaría á mínima expresión o seu poder nos concellos e deputacións galegas. Así, segundo estas sondaxes, o tripartito de dereitas só estaría en condicións de pelexar con resultados incertos polas cámaras municipais de Ourense e Ferrol, descartándose a posibilidade de conseguir as alcaldías de  Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Pontevedra e de Vigo. Canto á loita polas deputacións provinciais, desde os aparatos do PP dan por perdidas as de Pontevedra e A Coruña, en tanto que consideran que se achan en condicións de loitar pola de Lugo a pesar das dificultades do obxectivo e están certos da maioría de Baltar en Ourense.

4 (4)O Partido Popular observa con preocupación as súas perspectivas electorais. O proceso das municipais de 2015 concluíu cunha derrota histórica do Partido Popular  que acadou os peores resultados desde a súa refundación en 1989, ficando desaloxado do goberno de todas as cidades galegas, agás Ourense, provincia onde o PP conserva a única deputación que segue rexendo. Os dirixentes populares galegos non só dan por seguro que nos comicios locais de maio descenderán en número voto en relación coas eleccións de hai catro anos senón que están convencidos dunha diminución das súas cotas de poder local. As fontes desta organización consultadas por Sermos Galiza non dubidan en sinalar que “a perda de votos do partido non será compensada pola suba de Ciudadanos e de Vox, cun tirón moi inferior en Galiza que no resto do Estado”, ao tempo que expresan “o temor a un retroceso homoxéneo con especial incidencia nos espazos urbanos e nas provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña”.

[A íntegra desta análise téndela ao voso dispor no Sermos329, aquí na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]