O TSXG ordena repetir as votacións das eleccións municipais nunha mesa de Burela

O TSXG ordena repetir as votacións das eleccións municipais nunha mesa de Burela

Os comicios deberán repetirse nun prazo de tres meses na mesa instalada no instituto Perdouro, na que teñen dereito a voto máis de 600 persoas.


A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG acolleu o recurso interposto por Burela Sempre contra o acordo da Xunta Electoral de Zona de Mondoñedo relativo á proclamación de electos na circunscrición electoral de Burela, correspondente ás eleccións municipais celebradas o pasado 26 de maio. En consecuencia, o alto tribunal acordou declarar nula a elección celebrada na Mesa Electoral 1.5.U de Burela (corresponde ao IES PErdouro) e ordenou efectuar unha nova convocatoria para que se repita a votación nesa mesa no prazo de tres meses.

Na sentenza, a Sala indica que se descoñece se algún dos votos declarados nulos nesa mesa podía favorecer á formación política recorrente, é dicir, se algún deses votos ía destinado a ela. “O único que se sabe é que as papeletas desapareceron e que de lle favorecer tan só unha delas, a formación política tería representación no municipio de Burela cun concelleiro”, salienta o TSXG.

Os maxistrados conclúen que se produciu “unha evidente irregularidade e incumprimento” por parte da mesa electoral, que estaba “obrigada a non destruír as papeletas ás que se negou validez, as cales se tiñan que unir á acta de escrutinio e arquivarse con ela, unha vez rubricadas polos membros da mesa”.

“Non se puido comprobar o contido real dos votos nulos, e por tanto, non se puido coñecer a verdadeira vontade dos seis electores que os emitiron. Pero si sabemos que se un deles se declarase válido e se dirisexe á formación política recorrente, alteraríase a composición da Corporación municipal, pois obtería un concelleiro en detrimento doutra formación política (BNG), que o perdería”, sinala o tribunal.

A sentenza é firme, pois contra ela non cabe recurso.