TAN SÓ SE PRESENTA EN 13 CONCELLOS

A TVG dedícalle un directo a Vox no inicio de campaña malia a súa escasa presenza

A TVG dedícalle un directo a Vox no inicio de campaña malia a súa escasa presenza
Captura de pantalla da intervención da candidata de Vox á alcaldía da Coruña
Captura de pantalla da intervención da candidata de Vox á alcaldía da Coruña  

A TVG interrompeu a súa programación pasada a medianoite desta sexta feira para informar dos actos electorais de inicio de campaña. Emitiu en directo a apertura de PP, PSOE, BNG, Ciudadanos e Vox, malia que o partido ultraespañolista carece de representación na Galiza e malia que se presenta en tan só 13 concellos.


A cobertura do inicio de campaña da TVG, aprobada pola Xunta Electoral, puxo Vox en pé de igualdade con PP, PSOE e BNG, que se presentan en practicamente todo o territorio. A televisión pública galega dedicoulle máis de 30 segundos ao partido ultraespañolista a pesar de que carece de representación nos concellos galegos e de que tan só concorre a 13 localidades. Fíxoo cunha entrevista á candidata á Alcaldía da Coruña, que estaba acompañada dunha ducia de militantes de Vox.

Feixoo interveu en castelán a pesar de ser consciente de que estaba a ser emitido o seu discurso na TVG

Ademais de dedicarlle conexións en directo a PP en Compostela -cun Feixoo que interviña publicamente en castelán a pesar de ser consciente de que o seu discurso estaba a ser emitido pola televisión pública galega-, a PSOE en Ourense, ao BNG na Coruña e a Vox tamén na Coruña, a TVG cubriu o inicio de campaña de Ciudadanos en Compostela. O partido laranxa obtivo nas anteriores municipais 16 edís. Aos “alcaldes das mareas” –Martiño Noriega, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez–, dedicoulles 30 segundos con imaxes de arquivo. 

Compromiso por Galicia, que obtivo 41 actas nas eleccións municipais de 2015 e que se presenta en 43 concellos, careceu de espazo na televisión pública galega.

Vox non penetra nos concellos

Seguindo a tónica das outras nacións sen Estado, na Galiza Vox non consegue penetrar. Tan só foi quen de presentar candidaturas a 13 dos 313 concellos galegos. Alén das principais cidades, o partido ultraespañolista concorre aos comicios municipais en Sada, Vilagarcía, Baiona, Burela, O Porriño e Verín.

Embora esa escasa presenza nas municipais, a viceportavoz do PP no Parlamento galego, Paula Prado, non descarta pactar con Vox en concellos galegos.