AS ELECCIÓNS A OLLOS DE... JUAN PIROLA

"A UE é unha ferramenta do imperialismo e, ao igual que o capitalismo, non é reformábel"

"A UE é unha ferramenta do imperialismo e, ao igual que o capitalismo, non é reformábel"
Juan Pirola [Imaxe: Gauilunak]
Juan Pirola [Imaxe: Gauilunak]  

Coa firme idea de que a Unión Europea é un instrumento do capital irreconducíbel cara a un ente máis social, Juan Pirola pide á esquerda maior clareza á hora de propor a ruptura coa UE. O músico é membro do grupo Ezetaerre que, cun novo rap e letras combativas, está a converterse nunha das bandas máis potentes do panorama galego.  


Que representa a Unión Europea?

A UE é unha organización que vela polos intereses do imperialismo en todo o mundo. De feito, nos últimos meses semella estar máis en voga a creación dun exército común europeo, nada estraño xa que a diario vemos as intervencións que fan os países da UE en todo o mundo, como está a ser por exemplo o terríbel papel de Francia en Malí.

Cales son as emerxencias sociais que atravesa Europa como continente?

En Europa danse as contradicións propias dun polo imperialista, como foi o conflito de intereses cando entrou o Estado Español e cando se levou adiante todo o proceso de desindustrialización. Ademais o continente padece pobreza en amplísimos territorios e paro xuvenil. Ademais, agora mesmo, está a ser vergoñento o papel da UE coa crise migratoria mundial e a súa posición perante a traxedia que acontece no Mediterráneo.

É reformábel a Unión Europea?

Non o é. A UE é unha ferramenta do imperialismo e ao igual que o sistema capitalista non pode ser reformábel. Algo que nace como ferramenta do mal xamais pode ser reconvertido.

Que papel debe ter Galiza en Europa?

Debemos artellar a un modelo solidario entre os pobos do continente e do mundo, baseado no intercambio cultural e a convivencia. As relacións internacionais deben sustentarse na xestión colectiva de recursos e na solidariedade, nunca en territorios que vivan de espoliar a outros.

Na campaña electoral bota en falta algún tema que non se estea a tratar?

En xeral, na esquerda, hai certo titubeo á hora de falar da ruptura coa UE. Creo que se debe ter maior firmeza nisto, sobre todo porque parte da dereita está promovendo superar a Unión Europea, evidentemente desde outro punto de vista e de intereses, mais na esquerda debemos falar con máis clareza e non deixar o campo libre á ultradereita.