Un plenario, dúas mareas

Un plenario, dúas mareas
en marea plenario
en marea plenario  

A cita en Compostela evidenciou as diferenzas, tensas, entre ambos dous grupos, 'villaristas' e 'oficialistas'. O documento político da actual dirección foi derrotado e o grupo no Congreso negouse a render contas perante a asemblea. Agás Alexandra Fernández: ""Non pode ser que as decisións de En Marea se tomen como un satélite" de Unidos Podemos, dixo.


"Unidade" foi a palabra que o portavoz de En Marea, Luis Villares, reiteraba ao inicio do Plenario de En Marea que este sábado decorreu en Compostela. "Unidade" repiteu tamén Xosé Manuel Beiras xa pola tarde e no mesmo escenario. Mais a concorrida asemblea, participaron 600 inscritos, non deixou precisamente unha imaxe de "unidade". Houbo tensións, reproches e, principalmente, a sensación de que no Plenario había dúas mareas diferentes. Non só no que atinxe a táctica ou estratexia senón tamén con diferenzas políticas e ideolóxicas de fondo entre ambas as dúas.

Houbo toque de corneta e, a diferenza de citas anteriores,rexistrouse unha importante afluencia de persoas. As primeiras votacións foron gañadas polos 'críticos', como a referida á composición da mesa do plenario ou ao regulamento. Non todo foi vento en popa para a Mesa da Confluencia, pois a súa tese das 'listas abertas' para elixir os novos órganos de dirección non saíu adiante. Si que lograron importantes vitorias, entre elas ver como (por 271 votos a favor e 181 en contra) se aprobabaa súa  emenda á totalidade ao documento político da dirección de Villares.

Congreso

Os deputados de En Marea no Congreso negáronse a render contas perante o Plenario. Un desplante que argumentaron dicindo que concorreron ás eleccións españolas baixo unha coligazón electoral antes de que En Marea se constituíse como espazo de seu. Houbo unha voz discordante, a de Alexandre Fernández, que si que quixo intervir perante as persoas inscritas

Fernández falou claro desde o inicio: "Hoxe tiña que estar aquí un portavoz [do grupo no Congreso]. Que non estea é unha mostra de que na organización hai dificultades". A deputada advertiu que "cada vez hai máis diverxencias entre os que queremos que En Marea siga cos pes e a cabeza en Galiza" e os que se "afastan" do espazo de decisión galego. "As relacións entre Unidos Podemos e En Marea é ada vez máis complicada. Faise exclusivamente a través de 2, 3 deputado, que non partillan a información", criticou. "Non pode ser que as decisións de En Marea se tomen como un satélite" de Unidos Podemos, concluíu Fernández.

Mais a fenda non se limita ao grupo de En Marea no Congreso. Tamén aniña en Galiza. Fica por diante un proceso para renovar os órganos directivos mais tamén ver como se clarifican unhas diferencias internas que ameazan con deixar o chamado de Villares e Beiras, "unidade", nunha simple palabra.