AFECTA AOS MINUTOS DE PROPAGANDA ELECTORAL

Unidas Podemos e En Marea dispútanse a herdanza dos resultados das xerais de 2016

Unidas Podemos e En Marea dispútanse a herdanza dos resultados das xerais de 2016
Votacións durante un proceso electoral.
Votacións durante un proceso electoral.  

As Xuntas Electorais de Ourense e Pontevedra consideran que En Común-Unidas Podemos é a lexítima herdeira dos resultados recollidos nas eleccións xerais de 2016 baixo a marca En Marea. Están en xogo os minutos de propaganda electoral e o posicionamento na papeleta do Senado.


Despois de que a Xunta Electoral de Ourense solicitase a En Marea os avais para poder concorrer as eleccións xerais do 28 de abril, agora é a Xunta Electoral de Pontevedra quen considera herdeiro lexítimo dos resultados das eleccións de 2016 En Común-Unidas Podemos, cando se conseguiron cinco deputadas e deputados -que formaron parte do grupo confederal Unidos-Podemos, En Comú Podem e En Marea- e unha senadora.

Fontes de En Marea confirman a Sermos Galiza recorreron a decisión perante estas Xuntas Electorais que consideran que o partido non se presentou ás xerais de 2016 e que foi unha coalición entre Podemos, Izquierda Unida, Anova e a propia En Marea. Será a Xunta Electoral Central quen adopte a decisión definitiva e aínda habería lugar a iniciar un proceso contencioso-administrativo.

Fica en xogo que a candidatura do partido encabezado por Luís Villares sexa considerada terceira forza política, o que resultaría un maior espazo na propaganda electoral nas televisións e radios públicas e que o nome da lista figure en terceiro lugar nas papeletas do Senado.

De momento as mesmas fontes comunican que non recibiron requirimento ningún a respecto dos resultados das eleccións de 2016 por parte da Xunta Electoral da Coruña e da de Lugo, polos que só presentarán os avais –que En Marea xa recollera previamente– perante as xuntas de Ourense e Pontevedra. A lei esixe presentar un número de avais que se corresponda co 0,1% do censo electoral da circunscrición.