LUÍS VILLARES, PORTAVOZ DE EN MAREA

“Unidos-Podemos son os nosos aliados estratéxicos preferentes”

“Unidos-Podemos son os nosos aliados estratéxicos preferentes”
[Imaxe: M.O.]
[Imaxe: M.O.]  

“Eu vin para continuar mentres a xente queira que eu continúe”. Así responde Luís Villares (Lugo, 1978), portavoz de En Marea, en relación á súa continuidade á fronte da formación política, que celebra o seu plenario esta fin de semana. Trátase do primeiro paso de cara á renovación dos órganos de dirección. Eis un extracto da conversa publicada no Sermos Galiza 319.


5Como afronta o plenario e todo o proceso que se abre até a escolla da nova dirección?

Con moito optimismo, porque levamos dous anos de traballo, ensaiando unha organización que era nova, que non se parece a ningunha das demais pola súa morfoloxía. Nós como En Marea, durante estes anos, decidimos apostar na mestizaxe renunciando á pureza de calquera signo porque sabiamos que así gañabamos transversalidade. Agora afrontamos un plenario onde xa nos imos coñecendo, a xente xa vai vendo que funciona, que non… Eu afróntoo con optimismo porque a xente sabe que estabamos na indignación mais tamén estamos no compromiso, non se trata só de protestar, senón de construír unha alternativa na que se poida confiar. A xente que temos en todo o país está decidida a envorcarse para que isto teña éxito. En 2015 presentáronse ás municipais ao redor de 80 candidaturas do que hoxe son as mareas e desta volta iremos a unhas 150. Hai unha consolidación real do espazo político en todo o territorio. Nós dixémolo: viñemos para quedar. Este plenario consolida esta permanencia, por iso é importante que todo o mundo participe.

E vostede veu para quedar?

Eu vin para continuar mentres a xente queira que eu continúe. Evidentemente, son un máis, que vén aquí cumprir unha función. Intento facelo o mellor que podo, síntome con ilusión e con ganas de continuar. Mentres a xente estea contenta comigo, eu sigo contento cun proxecto que me parece formidábel para o país.

Imaxinou, no momento en que decide encabezar a candidatura das eleccións galegas, que algún dos impulsores de En Marea se converterían en persoas críticas con vostede?

En Marea viña sen instrucións, nin da construción do espazo político nin da construción das relacións interpersoais. Na política e na vida non sabes o que vas atopar, mais en xeral a miña experiencia ten sido moi positiva. Máis alá de conflitos concretos ou de situacións inesperadas, atopas o cariño da xente en todo o territorio e a xente agradece que, despois de anos de peregrinaxe, buscando o seu espazo, atopen o espazo na Marea, esa casa común con portas moi grandes e con moita luz. Cando pisas o territorio, e eu teño os pés cheos de lama, ves que a xente está moi contenta de ter unha organización que reflicte o seu discurso a nivel nacional e a nivel global, porque a política galega non pode desentenderse do que pasa no Estado e no mundo. Nós queremos participar da vangarda dos movementos que plantan cara e ofrecen unha alternativa en clave democrática e de xustiza social.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 319 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x