LÍDIA SENRA, CANDIDATA DE EN MAREA ÁS PARLAMENTO EUROPEO

"A Unión Europea quitounos moito máis do que nos achegou"

"A Unión Europea quitounos moito máis do que nos achegou"
Lidia Senra
Lidia Senra  

Lídia Senra (A Pobra do Brollón, 1958) é candidata de En Marea-Compromiso por Europa (CPE) ás eleccións europeas do próximo 26 de maio. Nesta lexistaltura foi eurodeputada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). Responde este cuestionario a través do correo electrónico.


Que balance fai para Galiza destes anos de integración na Unión Europea?

Creo que o balance é moi negativo. Contrariamente ao que queren que creamos as forzas que defenden as políticas neoliberais, a Unión Europea quitounos moito máis do que nos achegou. Os fondos que percibimos foron “pan para hoxe e fame para mañá”. Os nosos sectores produtivos (agricultura e pesca) vanse desmantelando, as nosas empresas van fechando, o rural desertízase e os nosos mercados están copados polas multinacionais, nós xa non producimos a alimentación básica do noso pobo e a nosa mocidade volve para a emigración. Unha vez conseguido o obxectivo, os fondos redúcense para priorizar outros lugares nos que facer o mesmo e dáselle pulo á industria armamentística e á militarización de Europa.

Cales son as prioridades de Galiza na UE?

Nestes momentos eu creo que hai catro grandes prioridades: Parar o cambio climático, a loita polos dereitos das mulleres (non se pode falar de democracia sen un total respecto dos dereitos das mulleres), o reparto da riqueza e a paz. Ademais disto, é moi importante tamén defender a pesca artesanal e a pequena a escala, defender a agricultura e gandaría, para que poida estar en mans dos labregos e das labregas, defender a pequena e mediana empresa, parar os proxectos mineiros e os macrovertedoiros, facer que a produción das enerxías renovábeis non supoña un ataque ao medio rural, apostar nun modo de desenvolvemento que teña en conta os límites do planeta, protexer a auga, a terra, os océanos e a saúde fronte á contaminación e erradicar o monocultivo do eucalipto e do piñeiro. Son ao meu entender cuestións cuestións prioritarias para nós.

Para a Europa que nós queremos, necesitamos derrotar a hexemonía política, cultural, ideolóxica e institucional neoliberal e crear unha nova maioría que defenda un proxecto alternativo

Nese sentido, que Europa propoñen desde a súa formación e cal sería o papel de Galiza nela?

Para a Europa que nós queremos, necesitamos derrotar a hexemonía política, cultural, ideolóxica e institucional neoliberal e crear unha nova maioría que defenda un proxecto alternativo, a partir do respecto á soberanía dos pobos e sobre a base dos intereses da maioría social e das clases traballadoras. Defendemos a intervención pública e democrática da economía; unha fiscalidade altamente progresiva que grave as transaccións financeiras e as grandes fortunas. Pensamos que é necesario o rescate de sectores estratéxicos privatizados como son a enerxía, o transporte, a xestión da auga e o sector financeiro. Nós queremos que Galiza poida tomar as súas propias decisións, que non sexa o goberno do Estado o que decida o noso presente e o noso futuro.

Cal será a primeira iniciativa que proporá no Parlamento Europeo?

O estabelecemento da Renda Básica Universal, para que desde o primeiro día ningunha persoa teña carencia do básico para vivir e para que poidamos seguir traballando en moitas outras medidas encamiñadas a xerar emprego e a repartir a riqueza que todos e todas xeramos, e que poidamos facelo a conciencia, sabendo que mentres se aproban e se aplican estas medidas ninguén terá fame, ninguén durmirá na rúa, ninguén pasará frío, ningunha persoa se verá privada de asistencia sanitaria e que ningún neno ou nena, que ningún adolescente, se verá forzado a abandonar os estudos.

Para nós é lamentábel que non se nos permita expresarnos na nosa lingua

Vostedes non poden intervir no Parlamento en galego porque non é lingua oficial na eurocámara. En que idioma se comunicará nas súas intervencións?

Para nós é lamentábel que non se nos permita expresarnos na nosa lingua. A min paráronme varias intervencións en galego e mesmo chegaron a chamarlle a atención á presidenta do noso grupo por este motivo. Está claro que estamos ante unha vulneración dos nosos dereitos lingüísticos. É unha cuestión de vontade política. No caso do galego, sería moi sinxelo posibilitar que puidésemos expresarnos en galego. No tocante ás miñas intervencións nas actividades nas que a interpretación depende dos servizos do Parlamento, foron e serán en portugués ou en español, aínda que ás veces hai reunións como por exemplo as da Comisión de Asuntos Sociais da Asamblea Paritaria ACP/UE nas que non se garante ningunha das dúas. Neste caso utilizo o francés. Pero cando cando son actividades dentro do Parlamento Eruopeo organizadas e financiadas por nós, facilitamos, como non pode ser de outra maneira, o uso da nosa lingua.

A propósito do idioma, que poden facer as eurodeputadas e eurodeputados galegos pola lingua desde o Parlamento?

Podemos seguir traballando para que se recoñezan os nosos dereitos lingüísticos e reivindicando o cumprimento da Carta Europea das Linguas Minorizadas, organizando actividades e apoiando aos colectivos que están loitando polo noso idioma. Máis alá disto, creo que a batalla fundamental está no Goberno central, pois é o Estado membro o que comunica a lingua ou linguas que quere que se utilicen.

Eu son de esquerda, son feminista e son ecoloxista, e o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) é o que mellor integra todo isto

A función e actividade dos partidos e grupos parlamentarios europeos son pouco coñecidas. En cal se integran vostedes e cal é a súa utilidade práctica para as galegas e galegos?

Eu son de esquerda, son feminista e son ecoloxista, e o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) é o que mellor integra todo isto conxuntamente e ademais, como militante activa polo dereito á autodeterminación do noso pobo, creo que a nosa presenza neste grupo no que tamén están o Sinn Fein e Bildu, por exemplo, contribúe a sensibilizar a esquerda europea sobre o dereito a decidir das nacións sen estado en Europa. A utilidade práctica para as galegas e os galegos está en que nos permite, por un lado, reforzar as posicións da esquerda na defensa e a na loita polos dereitos das clases populares; e polo outro, avanzar en posicións comúns para unha nova construción europea baseada no recoñecemento do dereito a decidir dos pobos, na igualdade e na solidariedade.

Nun contexto de ascenso da ultradereita, a eurocámara aprobou en outubro unha resolución contra o avanzo do neofascismo en Europa e pola ilegalización da Fundación Francisco Franco. Como valora o aumento destas forzas en Europa e a existencia desta fundación?

Si, na Eurocámara aprobouse esta resolución, a proposta do noso grupo, do GUE/NGL, e baixo a responsabilidade da nosa compañeira italiana Eleonora Fiorenza. O ascenso da estrema dereita en Europa (e non só en Europa, pois aí están Trump e Bolsonaro tamén), para nós é moi preocupante porque son forzas que atacan os Dereitos Humanos e a Democracia. Hai que destacar tamén que este auxe responde aos intereses do capitalismo que, para seguir con este proceso de concentración da riqueza e de acaparamento das terras e de apropiación dos bens da natureza, precisa de forzas de estrema dereita e de gobernos autoritarios. Así, vemos como están promovendo en todos os procesos eleitorais, tamén mediaticamente, este tipo de forzas.

Con relación á Fundación Francisco Franco, paréceme un insulto e penso que son intolerábeis situacións como as dadas nas visitas guiadas do Pazo de Meirás. Así o denunciei no Parlamento Europeo e na Comisión Europea neste mandato. Que un Ben de Interese Cultural como é o pazo sexa propiedade da familia do ditador é indamisíbel, é un insulto ás vítimas do franquismo. Non se pode permitir que sigan a facer apoloxía do xenocidio e da sitadura como fan. A Carta dos Dereitos Fundamentais da UE está para cumprirse e polo tanto débese poñer couto a esta situación e ilegalizar a Fundación xa. É moita hora.